O Foro da Inmigración alerta contra o aumento do racismo pola crise

Co lema “É racismo. Non é austeridade” o Foro Galego de Inmigración xunto coa Asociación Sen Papeis da Coruña convocan a manifestación que ás 18 horas do domingo 27 sairá do Campo de Marte na Coruña. Será o principal acto público da sétima Asemblea Xeral Galega de Inmigración e Emigración de Retorno na que as organizacións convocantes alertan para o incremento dos discursos racistas neste tempo de crise económica.


O Foro Galego de Inmigración denuncia que nesta situación de crise estase a vivir un “endurecemento das políticas migratorias e un recorte dos dereitos das persoas inmigrantes e doutros colectivos vulnerábeis”. Será este un dos temas principais que se leven ás mesas de diálogo nas que se artella a sétima Asemblea Xeral Galega de Inmigración e Emigración de Retorno que ten lugar este domingo día 27 na Escola Municipal de Música da Coruña.

Co encontro, as entidades convocantes buscan “participar activamente da construción dun mellor sistema social” alén de denunciar que, este contexto de crise económica se está a “empregar para alimentar discursos, actuacións e propostas de corte xenófobo que buscan dividir a sociedade”.

Convidan colectivos, entidades, grupos e persoas a se sumaren á manifestación de solidariedade co colectivo inmigrante “fortemente atacado nos seus dereitos polas políticas impulsadas polas diferentes administracións públicas nos últimos meses”.

Persecución policial

O manifesto que se lerá no fin da mobilización recollerá os principais temas que preocupan ao Foro Galego de inmigración, a comezar polo rexeitamento á situación de persecución policial contra as persoas migrantes “impulsados polas propias administracións públicas, con controis intolerábeis baseados en criterios raciais”. Unha circular da propia policía limitando eses controis é, segundo afirman, “a mellor proba da súa existencia”.

Denuncian tamén a restrición da atención sanitaria a persoas e colectivos, en especial, a migrantes en situación irregular e piden reparto de alimentos para persoas en situación difícil. Canto ao emprego doméstico, propoñen que sexan “as propias mulleres inmigrantes as que exixan os seus dereitos, denuncien o incumprimento dos mesmos” e un acordo coas entidades que intermedian de xeito desinteresado para garantir un traballo digno.