O FGI exixe que o Parlamento galego rexeite a criminalización da axuda a inmigrantes

O colectivo xúntase esta terza feira pola tarde con todas as forzas políticas con representación na Cámara para que insten a Gallardón a retirar da reforma do Código penal o artigo 138-bis, que considera delito a axuda humanitaria a persoas en situación irregular


O Foro galego de inmigración manterá esta terza feira a partir das 16h unha xuntanza con cada unha das catro formacións políticas con representación no Parlamento galego para solicitarlles o seu apoio a unha moción en que o colectivo urxe ao ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, a que retire do anteproxecto de reforma do Código Penal o artigo 138-bis, ao considerar que criminaliza a axuda a persoas inmigrantes en situación irregular.

Critican a "persecución penal" que a reforma do CP español introduce da axuda emprestada ás 8 mil persoas que viven na Galiza e non teñen regularizada a súa situación, d@s 111.600 persoas que suman o total da poboación inmigrante no País. Así as cousas, o sinalado artigo considera delito a axuda emprestada a inmigrantes e castiga tal conduta cunha pena de prisión que pode chegar até os dous anos. Con todo, deixa en mans da fiscalía a posibilidade de imputar ou non un delito de inmigración ilegal cando o obxectivo da persoa é prestar axuda humanitaria, isto é, o traballo que fan activistas, médic@s ou ONGD.

O propio órgano denuncia "esta forma de criminalización" no informe elaborado polo Consello fiscal ao redor do anteproxecto, sinalando que é o Estado quen pode decidir a imposición ou non de sancións e non deixar esta decisión á discrecionalidade e "particulares criterios" d@s fiscais. Recalca o FGI que "o principio de humanidade non debe ser castigado en ningún suposto".

Delito "servir un menú do día"

Por último, se o auxilio se emprestar con ánimo de lucro sería tamén delito e podería castigarse coa mesma pena: até dous anos de prisión. O Foro galego de inmigración sinala a respecto deste punto que, de saír adiante a reforma, suporía elevar á categoría de delito comportamentos como "alugar un cuarto ou servir un menú do día".

Por tanto, conclúe a organización que "as persoas estranxeiras en situación irregular quedarán na rúa, xa que ninguén lles poderá axudar nin de maneira altruísta nin cobrando por servizos básicos emprestados".