O feminismo toma as rúas para visibilizar este 8-M que "sen coidados non hai vida"

Acción dos colectivos feministas de Costa da Morte, onte en Carnota (Antonio Nodar)

O feminismo chama este domingo a unha mobilización masiva nas rúas para visibilizar o papel de coidados que exercen as mulleres en máis de 80% dos fogares da Galiza e que constitúe "o centro da vida" social, familiar e económica. Así o recolle no manifesto de Galegas 8-M, que este ano quere subliñar que "sen coidados non hai vida". 

 

Pasada unha semana desde a manifestación nacional do feminismo galego en Verín,  este Día Internacional da Muller Traballadora conmemorarase de norte a sur e de leste a oeste do territorio galego a través de manifestacións e concentracións locais e comarcais que queren volver tinguir as rúas de morado, após tres convocatorias históricas en 2017, 2018 e 2019. 

Actos como a cadea humana de mulleres organizada onte en Carnota, organizada baixo o paraugas de Galegas 8-M Costa da Morte e no que fixeron parte asociacións como Sonlilá (Carnota), Buseranas (Cee), As Curandeiras (Vimianzo), Círculo Feminista de Carballo e a Secretaría das Mulleres da CIG, ademais de participantes individuais, queceron nas últimas horas o ambiente para a cita de hoxe. 

Desde o mediodía a cidadanía está convocada para saír á rúa e manifestarse ás 12 horas na Coruña (desde o Obelisco); en Ferrol (desde o Inferniño) e en Lugo (desde o Multiusos da Xunta). Así, algunhas cidades levarán os grandes actos á mañá e outras á tarde. 

En Compostela a manifestación empezará ás 19.30 horas na praza 8 de marzo; en Vigo será ás 18 horas desde o cruzamento da Vía Norte; en Ourense sairá ás 20 horas da Subdelegación do Goberno e en Pontevedra está convocada para as 17.30 horas desde a praza do Hospital. 

Tras o importante seguimento da mobilización nacional do feminismo galego, que tivo lugar o pasado día 1 en Verín, a meta da deslocalización segue a peseguirse este domingo, con convocatorias en municipios como Vilalba, As Pontes, Sada, Betanzos, Arteixo, Carballo, Sarria, Padrón, A Estrada, Cuntis, Chantada, Monforte, Allariz, A Ramallosa ou Marín, entre outros moitos núcleos

Os actos deste 8-M ocupan por completo a axenda de hoxe.Así, desde a mañá, Compostela organiza varios roteiros que saen desde catro puntos s da cidade (Conxo, As Cancelas, rotonda do Castiñeiriño e rotonda Cruceiro dá Coruña) ás 12 horas e que terminarán ao redor da praza da Galiza nunha concentración feminista. 

Pola súa banda, en Vigo representarase a acción 'Un violador no teu camiño' ás 12 horas xunto ao Farol de Urzáiz. A convocatoria anima todas as mulleres a participar e denunciar as violencias machistas en todo o mundo. 

Na programación deste 8 M tamén se convocaron manifestacións para reunir a comarcas enteiras. Foz será a sede da manifestación unitaria na Mariña lucense ás 12 horas e Cee a da Costa da Morte á mesma hora. Localidades como Vimianzo contarán cunha batucada feminista ás 20,30 horas e outros concellos gozarán de foliadas, comidas e concentracións baixo o paraugas da igualdade. A mesma premisa segue unha iniciativa na Pobra de Trives onde se realizará unha camiñada de tres quilómetros ás 11 horas.