O experto ''independente'' que avaliou o impacto da mina de Corcoesto nas augas defende o proxecto en Bruxelas

[Imaxes: Salvemos Cabana]

A empresa Edgewater organizou tamén unha viaxe a zonas mineiras de Asturies para ensinar 'o bonito' desta actividade: o percorrido conclúe coa restauración dunha mina de carbón, cuxos efectos nada teñen a ver coa do ouro


O director dun estudo sobre a afección nas augas que tería a explotación a ceo aberto que a empresa Edgewater pretende acometer na parroquia de Corcoesto, en Cabana de Bergantiños, participou nunha delegación desprazada a Bruxelas para defender o proxecto mineiro coa propia empresa e co lobby Euromines. 

Minaría de Corcoesto, a filial da transnacional canadense, contactou coa Universidade da Coruña, nomeadamente co catedrático Jordi Delgado, para a realización dunha investigación sobre a calidade das augas superficiais e subterráneas da zona. Dous meses despois, foi á Unión europea defender a viabilidade socioeconómica da explotación. 

"O director dun informe que pretende ser independente non pode facer parte dunha reunión a favor dun proxecto do cal pretende ofrecer unha visión imparcial", denuncia a plataforma Salvemos Cabana, quen cualifica o panorama como "totalmente inaceptábel" ao ser o obxectivo da viaxe a Bruxelas "vender" o proxecto como "de grande interese para a zona como fonte de creación de emprego e alternativa á crise no rural". 

Levar @s veciñ@s para que vexan 'o bonito' da minaría

Porén, non é esta a única acción emprendida por Edgewater para lle lavar a cara ao seu proxecto mineiro. Após seleccionar a dedo 25 veciñ@s da comarca de Bergantiños, pagaralles a viaxe até Asturies, onde visitarán outras explotacións mineiras que a mesma empresa levou a cabo, nunha tentativa de sumar apoios para a mina. A expedición galega visitará as explotacións de Carlés e Boinás-El Valle, así como a restauración da mina de carbon de La Matona. 

A mina de Carlés, no Concello de Salas, aberta e operando sen permiso durante catro anos, provocou a contaminación por arsénico e antimonio do río Narcea en niveis perigosos para a saúde, tal e como certifican as análises feitas pola Universidade autónoma de Madrid. Aliás, o complexo de Boinás-El Valle, na localidade de Belmonte de Miranda, está identificado polos colectivos agro-ecoloxistas como o mellor exemplo do desastre provocado pola minaría do ouro en Asturias. 

A actual explotación, en fase de galería e a degradación paisaxística e ambiental orixinada pola restauración realizada a ceo aberto no ámbito da aldea de Begega, acumulan numerosas denuncias, sancións e expedientes graves por parte da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, o que provocou unha contaminación irreparable do río Cauxa, afluente directo do Narcea. 

Continuamos. A planta de procesamento de Boinás-El Valle chegou a tratar ilegalmente miles de toneladas de rocha procedente da Nalunaq, en Groenlandia, vía porto de Avilés, desatando unha onda de procestas. Cando o goberno asturiano autorizou en 1996 a explotación da mina, baixo ningún concepto chegou a se considerar o permiso para procesar material de terceiros lugares. 

Millóns de toneladas de refugallos tóxicos altamente contaminados quedaron depositadas en terras asturianas. A visita conclúe na restauración da mina de carbón de La Matona, cuxos efectos nada teñen a ver con aqueloutros que causa a minaría metalífera nin a do ouro. La Matona foi restaurada cunha cuberta vexetal que agora se emprega para a produción de kiwis e maceiras.