O escrache ao PP na Coruña remata con 70 persoas identificadas polos antidisturbios

A policía disolve en vinte minutos a concentración convocada diante da sede da formación conservadora e pide un coche patrulla ameazando con prender "entre tres e cinco" manifestantes. Finalmente non detiveron ninguén


Con todas as persoas que fixeron parte del identificadas polos antidisturbios. Así rematou na Coruña o escrache convocado nas redes sociais para as oito da tarde diante da sede do PP, segundo relata a Sermos Galiza un activista.

Aínda non pasaran cinco minutos da hora fixada para esta acción non violenta cando "varias grilleiras" apareceron no lugar. Os axentes "fixéronnos unha sorte de cerco" e comezaron a identificar as persoas polos laterais e polo centro da concentración, da que facían parte por volta de 70 persoas. 

"Preguntei por que e dixéronme que tiñan esa orde. Cando me neguei agarráronme e quixeron levarme preso", sinala este mozo, quen asegura que os policías chegaron a chamar coches patrulla para levar "entre tres e cinco detidos". Finalmente non levaron ninguén, mais identificaron tod@s @s presentes.

"A min até me arrincaron un mechón de pelo", conta agora entre risas namentres describe o enfrontamento entre os antidisturbios e as persoas que rexeitaron presentar o seu documento de identidade. Vinte minutos despois de comezar, a concentración perante a sede do partido conservador responsábel dos gobernos galego e español ficara xa disolta.