Escrache contra os despexos en Compostela

A iniciativa tiña por obxecto interceptar os políticos cando saíran, mais non había ninguén no local

 

Se o domingo houbo un escrache falido perante a morada do presidente da Xunta en Monte Pío, por non acudiren á convocatoria manifestante algún, mais si algún medio de comunicación canda a unha notable presenza de axentes da orde, o de este serán en Compostela non tivo éxito pola ausencia de políticos. 

O obxectivo dos cent@s de manifestantes que se deron cita perante a sede provincial do PP na capital galega, era interceptar os populares cando saíran do local “para lles transmitir a necesidade de aprobar a Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola  PAH [Plataforma de Afectados pola Hipoteca]”, explica Roi Ribeira en declaracións a Sermos Galiza. 

Esta proposción tiña dúas finalidades básicas: a dación en pago con efecto retroactivo e a creación dun parque de alugueiro social. No entanto, tal e como observa Javi Castiñeiras “sendo esta unha proposta de mínimos, coas emendas que lle están a meter, está bastante claro que o que buscan é tirala abaixo”.

Cos ánimos caldeados e abeirados todo o tempo por un forte cordón policial, colmado en ambos extremos por sendas grilleiras, ouvíronse consignas contestatarias cos distintos sectores do estado: dende o habitual “non pode ser, non pode ser, a xente sen vivenda e os fascistas no poder” até outras que atacaban o reparto do gasto público como “máis vivenda e menos policía”.“Deixar á xente na rúa é un asasinato en masa”, recorda Pablo Domínguez. 

Fronte aos sectores críticos co escrache como instrumento de presión, Roi Ribeira mantén que “non se pode permitir que uns políticos que están a tomar decisións de costa á sociedade se amparen no anonimato para afrontar as reivindicacións cidadás”. Na mesma liña, Laura Bugalho manifesta que son as políticas dos recortes e do vasalaxe ás entidades financieiras “as que enxendran  violencia”. “É necesario, dunha vez por todas, xuntar todas as loitas; a represión vai ir crecendo e o pobo terminará por pasarlle por riba ao sistema, isto xa é imparable”, resolve.