O ensino volve ás urnas

O profesorado non universitario de Galiza volve estar chamado a elixir os seus representantes. Faino nun contexto laboral timidamente mellor que o de 2014, mais coa certeza de que, segundo explican as portavoces das centrais sindicais con maior representación, hai moito por facer para recuperar os niveis salariais e de estabilidade da etapa pre-Feixoo. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respeito no número 324 de Sermos Galiza.

As e os perto de 31.000 docentes do ensino público non universitario do país están convocados o vindeiro 4 de decembro para escoller 143 delegadas e delegados, tres máis que hai catro anos, mais aínda tres menos que en 2010. O cativo incremento do censo con respecto ás eleccións anteriores –650 profesoras e profesores máis– explica a suba do número de docentes elixíbeis que, con todo, seguen por debaixo das cifras de hai oito anos, cando tiñan dereito a voto perto de 32.400 mestras e mestres galegos. Malia esta recuperación parcial, o ensino público non universitario de Galiza segue agraviado a respecto do privado-concertado, que hai que lembrar que escolle aproximadamente 500 delegadas e delegados dun censo que apenas supera as e os 7.000 docentes.

 

O punto de partida neste proceso electoral sitúa en vantaxe a CIG-Ensino, que posúe actualmente 63 dos 140 representantes, moi por diante da segunda forza, CCOO (22), e terceira, ANPE, con 17. UXT, con 15; STEG, con 13, e CSIF, con 10, completan o cadro de delegadas e delegados vixente. A central nacionalista non é só a opción maioritaria –46,3% do total dos votos, cunha participación na pasada convocatoria do 70% do censo–, senón tamén a preferencia hexemónica do profesorado, que, ademais, vén outorgándolle maior representatividade en cada convocatoria.

 

O secretario xeral da CIG-Ensino, Suso Bermello, explica que o sindicato nacionalista “nunca se puxo límites, nin nas súas reivindicacións, nin na súa acción sindical, nin tampouco na súa representación. Cremos que podemos mellorar os resultados electorais de hai 4 anos, mais somos conscientes de que o nivel de representatividade acadado, cun 46% dos votos, é difícil de superar. Por tanto, o obxectivo é consolidar unha vez máis o noso carácter referencial e maioritario entre o profesorado do ensino público galego”.

 

Luz López, secretaria xeral da Federación de Ensino de CCOO –segunda forza sindical–, non nega que o obxectivo de calquera organización sindical que se presenta a unhas eleccións é “gañalas, mais no contexto en que se van desenvolver, con máis organizacións en liza, aspiramos a incrementar a representatividade que temos actualmente”. A cuarta central en número de votos, STEG, aposta por “tentar volver entrar na Mesa Sectorial”.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 324 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]