9 de Maio: greve no ensino público contra a 'Lei da Wertgoña'

Está convocada en todo o Estado, en todos os niveis de ensino e está chamada toda a comunidade educativa. Nesta información contámosche os motivos para baleirar as aulas


O catedrático de Didáctica e Ordenación escolar da Universidade da Coruña, Jurjo Torres, dixo dela que é "a lei educativa que gostaría de ter aprobado Thatcher". Contra ela rebélase até o irmán do ministro Wert, dando aulas na rúa e reivindicando o papel social da educación. Malia a oposición de toda a comunidade educativa, o Consello de ministr@s desta sexta feira aprobará o anteproxecto da LOMCE, a contrarreforma educativa que leva ás aulas a ideoloxía do PP e que iniciará, se non hai sorpresas de última hora, a súa tramitación parlamentaria. 

O día antes, 9 de Maio, é xornada de greve: as cadeiras patas arriba nas aulas, baleiras, deixarán claro o rexeitamento a esta norma que será extensivo a todos os niveis de ensino e que se desenvolverá en todo o Estado. Quedamos na Galiza, onde os protestos foron convocados por separado polas dúas plataformas que case partillan nome: Plataforma galega en defensa do ensino público (CIG-Ensino, Comités, Liga Estudantil, AS-PG, Sindicato de Estudantes, Galiza Nova, BNG e as federacións de ANPAS da Costa da Morte, de Ferrolterra, de Compostela e de Lugo provincia) e a Plataforma en defensa do ensino público (UGT, CC OO-Ensino, STEG, Sindicato de Estudantes, Iesga, Escola Viva e Confapa). 

"Centralizadora, sexista, elitista, clasista"

"Imos á folga para amosar o seu total rexeitamento a unha lei reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores sociais máis desfavorecidos da sociedade". Así o sinalan desde a Plataforma galega, que acusa a Wert de promover un anteproxecto "que afonda nas diferenzas sociais" e que obriga os territorios a pagar con fondos públicos centros privados para escolarizar en castelán as crianzas e non nas linguas propias. 

É unha norma "centralizadora e sexista", que blinda os concertos con colexios que segregan por sexos malia existiren sentenzas contrarias a esta práctica. A relixión afortala a súa importancia e aparece unha materia alternativa en Primaria e na ESO que computa no expediente académico, facendo as veces de efecto chamada para que o alumnado se matricule en relixión. No Bacharelato considérase 'materia específica' polo que o estudantado recibirá un máximo de tres horas semanais e un mínimo de dúas, namentres son os centros os que deciden canto tempo destinarán a aulas de galego. 

Tamén é unha lei "elitista e clasista" que impón as reválidas como probas para seleccionar que alumnado vai cursar estudos superiores e creará categorías de centros para finanzar con máis fondos aqueles que mellores resultados obtiveren, previa selección do estudantado. En definitiva, un anteproxecto de lei "ao servizo da patronal do ensino privado concertado e da mercantilización da educación". 

As mobilizacións da Plataforma galega serán ás 11.30h nos seguintes lugares: Ourense (Xefatura territorial); Vigo (Praza dos Cabalos); Ferrol (Praza de España/Praza de Armas); Vilagarcía (Praza de Galiza); Pontevedra (Praza da Ferrería); A Coruña (Praza de Vigo); Lugo (Praza da Horta do Seminario); Burela (Praza da Mariña); e Compostela (Praza do Toural)

Os cualificativos para describir a lei son os mesmos que emprega a Plataforma en defensa do ensino público, quen chama á comunidade educativa a manifestar nas rúas un rexeitamento "rotundo" ao que cualifican de "contrarreforma en toda regra". As mobilizacións convócanas en horario de tarde, ás 19.30h, e serán nos seguintes puntos: A Coruña (Praza da Palloza); Lugo (Ronda da Muralla); Ourense (Subdelegación do Goberno); Ferrol (Praza de España); e Vigo (Vía Norte) 

Máis apoios: Mesa galega de educación no rural, Queremos Galego, CUT e CNT

A Mesa Galega de Educación no Rural (CIG-Ensino, CCOO-Ensino, STEG, FETE-UGT, AS-PG, Nova Escola Galega e Preescolar na Casa) apoia a greve convocada contra unha lei "que privatiza, desgaleguiza e atenta gravemente contra a calidade do ensino público". Entende este colectivo que a norma de Wert "é un atentado contra os dereitos e a dignidade de todas e todos porque atenta contra a igualdade de oportunidades e contra a cohesión social" froito dun proceso "antidemocrático" onde o Goberno español e o ministerio de Educación deron o visto e prace a unha lei "redactada ao ditado da OCDE e da Conferencia Episcopal" sen contar coa comunidade educativa. 

Tamén a plataforma cidadá Queremos Galego acordou no seu último plenario apoiar a xornada de paro no ensino público ao considerar que o anteproxecto da LOMCE "recolle o peor da política centralista e españolizadora que o PP está a levar a cabo desde Madrid e tamén aquí na Galiza", relegando a nosa lingua "a un plano de maior inferioridade" con respecto ao castelán. Así as cousas, acrecentan que a lei española "afonda no camiño xa iniciado polo goberno de Feijóo e o conselleiro Vázquez, que poñen todo o seu empeño en intentar conseguir a desaparición da nosa lingua do ensino, e da vida cotiá en xeral".

Por derradeiro, a greve ten tamén o apoio dos sindicatos CUT e CNT. En senllos comunicados de imprensa arremeten contra a norma nos mesmos termos en que o fixeron todas as organizacións citadas até o de agora. O anteproxecto de Wert é para CUT-Ensino un texto "que se vertebra ideoloxicamente no nacionalcatolicismo que se ocupou da educación por moitos e escuros anos" e que "cambia os dereitos civís polo adoutrinamento relixioso, a autonomía dos centros polo poder vertical das direccións e a inspección educativa". 

A CNT, pola súa banda, secundará a xornada de greve contra unha norma "que prexudica claramente o ensino público para favorecer a privada, reducindo ou eliminando as conquistas obtidas neste ámbito pola clase traballadora". Sinala esta central sindical que a crise foi "a escusa para acelerar un proceso que xa se estaba dando" e culpa os sucesivos gobernos de fomentar o ensino privado tanto de maneira aberta, con subvencións, como de maneira encuberta, co desleixo respecto das escolas públicas.