O ecoloxismo galego lanza o seu “programa pola terra” para o 21-O

Presentación 'Un Programa pola Terra'

ADEGA, Amigos da Terra, CEMMA, FEG e a Sociedade Galega de Historia Natural propoñen a todas as forzas políticas doce propostas para avanzar cara á sustentabilidade.

O movemento ecoloxista galego vén de manifestar as súas propostas de cara ás eleccións autonómicas deste outono. ADEGA, Amigos da Terra, CEMMA, FEG e a Sociedade Galega de Historia Natural presentaron esta mañá en Ourense o documento “Un programa pola terra” en que recollen diferentes propostas para o desenvolvemento de actuacións políticas sustentábeis.

Trátase dunha ducia de propostas que formulan para que as organizacións políticas que concorran aos comicios do 21-O as asuman na súa actuación a vindeira lexislatura, quer no goberno quer na oposición, para avanzar no vieiro da sustentabilidade. Entre elas destacan a de reducir a emisión de gases invernadoiro, o peche da incineradora de SOGAMA en 2017 ou unha nova política infraestrutural e de transporte, cunha moratoria na construción de autovías e autoestradas e a derivación dos investimentos do AVE para a mellora dos camiños de ferro de proximidade.

As propostas responden a catro principios básicos. O primeiro, que o actual modelo económico e social é inxusto e insusténtabel, polo que propoñen que se supedite o desenvolvemento económico á capacidade dos ecosistemas, apostando por unha resposta ecolóxica e solidaria para saírmos da crise. Pulan por avanzar por un novo modelo “que non faga depender o benestar social do consumo desbocado de recursos naturais”, a través da implementación de políticas ambientais transversais.

Desde ese punto de partida, defenden que é necesario un compromiso de cambio “de dimensións estratéxicas”, encetando unha mudanza do modelo de produción e de consumo, co obxectivo de mellorar a vida e o benestar das galegas e galegos “cun menor consumo de enerxía e de materiais”.

Outra das cuestións que deitan é a de que se estimule a participación social no eido ambiental, manifestando a vontade do movemento ecoloxista galego --como ferramenta que canaliza a iniciativa cidadá-- de seguir a contribuír na defensa do medio. Asemade, reclaman maior transparencia a través dunha mellor interlocución da administración autonómica coas organizacións ambientais e un maior acceso á información.

Por último, exixen o cumprimento da lexislación ambiental e que o goberno galego se implique garantíndoa, dado que segundo denuncian “a Xunta ten unha enorme responsabilidade na crecente deterioración do noso territorio e na elevada pegada ecolóxica do noso país”.


As doce propostas do ecoloxismo galego “para camiñar cara á sustentabilidade na vindeira lexislatura” son:

1. Reducir as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) para que non superen nun 15% as de 1990.
2. Decrecer o consumo de enerxía e promover máis as renovábeis sen destruír o territorio.
3. Estabelecer unha moratoria na construción de novas autovías e autoestradas, derivar os investimentos do AVE cara á rede ferroviaria de proximidade e redactar un Plan Integral de Transportes sustentábel.
4. Aplicar unha política de ordenación do territorio que limite drasticamente o crecemento urbanístico e defenda a costa.
5. Defender a soberanía alimentaria e o equilibrio territorial para manter un mundo rural e mariñeiro vivos.
6. Parar a perda de diversidade natural
7. Implantar unha nova cultura da auga
8. Pechar a incineradora de SOGAMA no 2017 e promover a redución e a reciclaxe dos residuos urbanos
9. Avanzar na democracia participativa
10. Fortalecer a cooperación internacional para o desenvolvemento sustentábel
11. Impulsar a contratación pública verde
12. Facer unha reforma verde do sistema fiscal autonómico