O dono de La Voz ataca a traballadoras/es da empresa por convocar mobilizacións en defensa dos seus direitos laborais

Cartaz da manifestación deste domingo

Nunha carta dirixida ao cadro de persoal, Santiago Rey Fernández-Latorre cualifica como "manifestación callejera de contido político" á marcha convocada polo comité inter-centros de La Voz de Galicia para o vindeiro domingo na Coruña

 

O comité inter-centros de La Voz de Galicia ten convocado unha manifestación para este domingo na Coruña (12 horas, Obelisco) e unha folga para o día 10 de Xullo, en protesta contra a decisión da empresa de inaplicar o actual convenio colectivo (vixente até 2014) e de preparar novos recortes, que chegarían ao 15 por cento do salario e até o 66 por cento nos complementos. No caso dalgunhas nóminas iso podería chegar a supor unha redución do 50 por cento das retribucións.

A reacción do editor e proprietario de La Voz de Galicia non se fixo agardar e chega en forma de carta ao conxunto do cadro de persoal da empresa -asinada en Sabón este 3 de Xullo-, á que tivo acceso Sermos Galiza, e coa que obviamente pretende condicionar o ánimo das traballadoras e traballadores para que non secunden as mobilizacións convocadas.

Na misiva, redixida integramente en español, Santiago Rey Fernández Latorre divide as traballadoras e os traballadores entre os que senten o seu proxecto xornalístico como "propio" e a aqueles que "o menosprezan".

O editor ataca o comité inter-centros, sen citalo, malia este órgao ostentar lexitimamente a representación do cadro de persoal e malia as mobilizacións programadas seren a expresión de dereitos constitucionais, o dereito á manifestación e á folga.

"Asisto atónito", afirma o editor, á "convocatoria" dunha "manifestación callejera de contido político" e a unha "folga que ameaza con quebrar o prestixio, a solvencia e a alta consideración que a sociedade galega ten da Voz".

"Estou farto", proclama, antes de afirmar que só os que "pretenden a destrución dun proxecto xornalístico" poden "estar de acordo con semellante forma de actuar".

Di non entender o feito de que aqueles "que non apoian o noso modelo" non tomasen hai moito tempo "a determinación de abandonarnos e de tentar aventuras máis apropriadas ao seu sectarismo". E enfatiza: "Eu non os necesito".

Na carta Santiago Rey Fernández-Latorre xustifica os recortes salariais e as medidas que está a adoptar a empresa -a comezar pola inaplicación do convenio- porque de non tomalas "se poría en perigo o modelo que nos fai estar en toda Galiza", no que parece unha alusión á hipótese de que La Voz de Galicia se vise obrigada a fechar delegacións.

Afirma que cando afrontou o proceso o fixo impulsando a negociación "con responsabilidade" e con "serenidade para superar as incomprensións e os insultos", engade nun novo ataque ás traballadoras e traballadores.

Conclúe a misiva o editor de La Voz deixando sentado, porén, que "esta Casa" (...) estivo sempre "aberta ao entendimento, e continúa a estalo, cando se poñen en xogo todos os subterfuxios para cegar esa vía".

Solidariedade

De por parte, as mobilizacións programadas polas traballadoras e traballadores de La Voz de Galiza teñen suscitado a solidariedade de boa parte do conxunto da profisión xornalística en Galiza.

De feito teñen formalmente expresado o seu respaldo os comités de empresa de Faro de Vigo, La Región, El Ideal Gallego e DxT Campeón, ben como  a asemblea de traballadoras/es de La Opinión de A Coruña, o Colexio de Xornalistas de Galiza, o Sindicato de Xornalistas de Galiza.

Tamén ten expresado formalmente o seu respaldo a estas mobilizacións o sindicato CIG.