O director xeral da CRTVG convida @s traballador@s a non facer pública a manipulación

Instalacións da CRTVG [SG]
Así llo espetou Alfonso Sánchez Izquierdo á deputada do BNG Montse Prado durante a Comisión de control do ente público após interesarse ela pola denuncia do Comité de empresa en que se queixaban das "presións" para botar terra sobre os casos de corrupción en que están imputad@s membr@s do PP


"Vostedes non respectan a pluralidade e minimizan a realidade da Galiza segundo lle conveña ao Partido Popular". Así resumiu a deputada do BNG Montse Prado a liña editorial da CRTVG durante a Comisión de control do ente público, na cal o director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, convidou @s traballador@s a non faceren públicas as súas queixas.

Porén, a denuncia pública da "manipulación" e das "presións" que o cadro de persoal da televisión e da radio nacionais galegas sofren non é de hoxe. En abril de 2012,  o peche con chave do control de realización do Plató 300 por parte d@s afectad@s polas preferentes fixo rebordar o vaso d@s traballador@s cando Sánchez Izquierdo abriu unha investigación acusando a "persoal propio" de ter colaborado na ocupación. O Comité de empresa valorou a posibilidade de denuncialo polas inxurias vertidas.

O seguinte pico no control que o PP exerce sobre os contidos que se emiten nas canles públicas de radio e televisión chegou após a imputación de varios cargos vinculados á formación conservadora en operacións policiais contra a corrupción. O tratamento informativo que está a recibir a operación Pokemon e o asunto do ex tesoureiro Luís Bárcenas levou @s traballador@s a se pronunciaren máis unha vez contra estas prácticas, que cualificaron de "especialmente vergoñentas e penosas".

"Ocultación" e "secundarización" das informacións que non lle conveñen ao PP

Porén, o BNG aproveitou a Comisión para colocar riba da mesa a "ocultación" de determinados contidos, como a multitudinaria manifestación nacional que as plataformas de afectad@s polas preferentes realizaron en Compostela o 2 de febreiro. O peche no plató protagonizado pol@s estafad@s en abril de 2012 estaba motivado precisamente porque os servizos informativos da televisión e da radio públicas estaban a botar terra sobre as súas mobilizacións.

Na liña, Montse Prado criticou que a TVG "responda aos intereses" do partido do Goberno e "secundarice" novas que afectan "a miles de galegos", como o acontecido coa sinalada protesta do 2 de febreiro. Após lembrar que a televisión e a radio públicas "están pagadas por todos", a deputada nacionalista xulgou que a cobertura que se lle deu "careceu do tratamento, lugar e tempo que merecía unha convocatoria que congregou miles de persoas".

Na mesma Comisión o BNG transladou a Sánchez Izquierdo unha pregunta ao redor do comunicado de imprensa enviado polo Comité de empresa en que representantes d@s traballador@s denunciaban as "presións" para non dar conta dos casos de corrupción. Moi lonxe de recoñecer tales prácticas e aclarar a súa motivación, o director xeral da CRTVG convidou o cadro de persoal a non facer públicas as súas queixas, silencio que a parlamentar Prado achacou a que o que foi director de La Región "asome esas presións e esa manipulación".