O Día das Candeas: Luz e quentura, o que queda dunha festa celto-romana-galaica

O Día da Candeloria, 2 de febreiro, ese en que casan os paxaros, ten un simbolismo que se remonta no tempo. A festividade de Santa Bríxida, un día antes que a Candeloria, enxalza a fertilidade e a fecundidade, presentes na tradición do pobo que con máis intensidade conservou as diversas manifestacións do mito, Irlanda.

O mapa do occidente Atlántico está cuberto por pobos de brétemas, entre enguedelladas topografías, labirintos históricos nos que se perden mitos e ancestrais ritos. Entre eles tamén o da Atlántida, illa con canles e circos de augas, arredor dun gran templo erguido ao deus dos océanos... que se a lenda do país, das Hespérides, dos hiperbóreos, paraíso centrado polo horto da árbore das mazás de ouro. Pomas buscadas por Hércules, como tamén era buscado por Jackson e os Argonautas o pelexo do Castrón de ouro, símbolo dos imperios. Illas máis aló dos mares navegados por fenicios, gregos e romanos, noutra banda dos agudos montes das Columnas de Hércules ou do deus Briareo, quizais o mesmo e mítico Vero Breo, adorado nos altares do Facho de Donón, mirando ás Cíes...

Parte mítica dos "máxicos" pobos do extremo occidente, aos que os cronistas e xeógrafos latinos catalogaban como "outros", "keltoi"; para os gregos eran os "keleto", veloces xinetes... Pobos nomeados coa raíz "gal", “kal”, como os romanos coñecían os celtas, quizais pola cute branca, como coida Isidoro de Sevilla, ou por habitar entre as pedras, señores dos coios. Entre tantas "gallaecias", en Polonia, Romanía, en Macedonia, a Galiza... Xentilidades, grupos familiares cunha firme relixión animista. Adoradores dos astros, das árbores, das fontes, intérpretes do vento e das estrelas...

Celtas, pobo nacido da encrucillada, do camiño, do encontro entre diferentes etnias procedentes de Asia, de Anatolia, coñecedores do ferro: Escitas, Hititas... introducidos no que hoxe é Europa por todos os camiños, seguindo o Danubio e o Rhin. Para facerse co territorio e mesmo con gustos e costumes dos etruscos, dos Íberos e doutro indíxenas impregnados das influencias mediterráneas, exipcias, cretenses, micénicas e mesmo coas que topaban no seu lento camiño difusor. Turín, Bérgamo, Milán, Maguncia, Bohemía, París, Coimbra e tantas "brigas" ou "brigantias", nas illas británicas, a Braganza trasmontana, a nosa Brigantia do Mar dos Ártabros, e outros como Friburgo... son algúns topónimos coa orixe frixia "frig" ou "brig".

Núcleos que compartiron ritos semellantes aos orientais, cultos zoroastristas ás dualidades, centrados polo lume, á natureza, aos astros, aos catro elementos que rexen o agro e a vida: luz e lume, auga, terra e pedra, o aire, celebrados por magos oficiantes, druídas, entre sagas e nostalxias cantadas polos poetas bardos. "Soamente cun medo: que o ceo lle caese derriba... e as tebras", como lle confesou un druída a Alexandro e segundo conta Ptolomeo... Don Vicente Risco daría conferencias interminábeis sobre este tema no que teimaba. 

Bríxida e a Candeloria: da Luz ás Tebras, do Inverno á primavera

Nas crenzas célticas todo está en devalar, desde o caos ao cosmos, na procura da perfección, para logo renacer de xeito diferente... a Teixido irá de morto o que non vai de vivo... e farao baixo a forma de réptil... na busca da harmonía cósmica. Celtas, tidos como valentes, aínda que bebedores e indisciplinados, especialistas ourives e delicados nos traballos do metal, das telas de lá e do liño. Entre os seus xamáns estaba Lug, sobranceiro nas sagas irlandesas: militar, mago, músico, domesticador de corvos mensaxeiros, heroe-deus, precedente do xermano Wotan ou Odín.

Brigida é a deusa do lume, da luz, en relación coas brigantias, significa acoiraza , forte, madroeira pois da fortaleza física, dos ferreiros, dos curandeiros, da fecundidade... Cristianizada pola Santa Brígida. Da que na metade do século V, Cogitosus, na súa Vita Brigitae, conta obra e milagres da irlandesa, seguramente coa faciana pencada e roxa. Filla dun druída, sabedora das ciencias sacras da natureza, alumna de San Patricio. Monxa do mosteiro irlandés de Kildare e que pon nome a tantas Brigites nórdicas. Matriarcado patente na Bretaña na que tamén no século VI ten sitio Dahud-Ahés, filla do rei de Cornubia, meiga endiañada que combate o cristianismo e que castiga e asolaga a illa de Ys pola avaricia dos seus habitantes, tema que inspiraría a Allan Stivell para unha das súas composicións de arpa celta... unha de tantas lendas que se repite en lagoas da Galiza, disfrazando a virxe de pobre peregrina, mendigando pan que non lle dan... e que, cos poderes dunha meiga, como Ana Manana, envolve en auga cidades e panadeiros avarentos. Non podía ser doutra maneira, pois a Santa Brigida asóciase coas candeas, coa luz que brota entre a brétema da invernía, celebrada cada día 1 de febreiro, na véspera da Candeloria cristiá, cando tamén nos preparamos para honrar o armenio mago San Brais. Cultos traídos e levados entre Oriente e Occidente.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube