O DEBATE | O invento acientífico do 'Blue Monday', o día máis triste do ano, pode ter utilidade?

O luns, pois, é un día triste. (Foto: Europa Press)
O inicio da terceira semana de xaneiro é o día máis triste do ano, estabeleceu unha campaña sen valor científico. Porén, pode isto servir para reflexionar sobre sentimentos como a tristeza?

Rosa Novoa, educadora emocional

Os luns, todos, son tristes na nosa cultura occidental, onde ese día marca o inicio da semana laboral e o remate da fin de semana de descanso e esparcemento. Unha conquista a da fin de semana que non é tan antiga como moitas poidan pensar. No Estado español non foi até 1976 coa Lei de Relacións Laborais, en que a fin de semana foi regulada. "Introdúcese como novidade o descanso continuado pola tarde do sábado e a xornada completa do domingo», fixou o texto legal".

O luns, pois, é un día triste. Sobre se o do terceiro luns de xaneiro é o día máis triste do ano un debate rigoroso, científico e obxectivo duraría apenas uns segundos: é unha gran parvada. Pero creo que o debate debe de ser outro e non se o 'blue monday' é ou non é ese día ou campañas promocionais e mercantís a este respecto. En resume: non un debate a nivel científico, senón a nivel social: necesitamos días para falar da tristeza, tamén daquela que é non desexada; da soidade e de sentirnos mal. Hai xa moito tempo que este día deixou de ser só unha campaña publicitaria e callou abondo no imaxinario social occidental como para poder convertelo sen moito esforzo nunha ferramenta que serva para abordar a tristeza e, por extensión, unha visión das diferentes emocións humanas.

De feito, días inventados e que se celebran hoi moitisimos, desde San valentón ata Samaín/Halloween, por poñer só dous exemplos ben coñecidos por todas. E que sexan inventados non impide que os celebremos e os festexemos. Entón por que non celebrar un día inventado por unha axencia de viaxes se é útil socialmente?

Así, poderiamos falar da soidade. En Galicia, e segundo datos da propia oficia estatística da Xunta, hai aproximadamente 120.000 persoas que viven en soidade non desexada, na súa maioría persdoas maiores.

As relacións sociais e a integración social son necesarias para o benestar emocional das persoas en todas as etapas da vida. Cando non poden ser satisfeitas poden dar lugar á experiencia subxectiva da soidade. A relación entre a soidade e a saúde, e en particular a saúde mental, foi obxecto de numerosas investigacións, así como os factores de risco que propician a experiencia da soidade.  A soidade defínese como un estado subxectivo que se experimenta en ausencia de contacto social, cando a persoa sente illamento ou carece de pertenza. É, en definitiva, unha discrepancia percibida entre as necesidades sociais dunha persoa e a dispoñibilidade de recursos para satisfacelas. Pode ser un estado transitivo, e, neste caso, pode cumprir unha función adaptativa; con todo, a soidade pode converterse nun estado duradeiro, e é aí cando pode comportar problemas para a saúde física e mental das persoas.

E a tristeza? A tristeza é un sentimento normal, pero pode chegar a ser patolóxica en función da súa duración, intensidade e grao de interferencia na conduta e a vida cotiá da persoa.Porqué, pois, non dedicar un día que a sociedade reflexione sobre todo isto?


Antonio López, sociólogo

Este luns, día 15, é o máis triste do ano. Por que? Pois porque así o ideou e popularizou un estudo desenvolvido en 2005 pola petición dunha compañía de viaxes, Sky Travel, que se apoia nunha fórmula matemática daquela maneira apoiada polo psicólogo Cliff Arnall para determinar que o terceiro luns de xaneiro é o día do ano no que menos ganas temos de sorrir. Segundo este estudo, o terceiro luns de xaneiro é o máis triste do ano por diversas causas. A ecuación de Arnall utiliza variables como o factor climático, as débedas persoais, o diñeiro cobrado, o tempo transcorrido desde o final do nadal (ou de vacacións) e o tempo desde a última vez que se tentou deixar un mal hábito ou cumprir un propósito de aninovo, como pode ser deixar de fumar ou facer exercicio. O resultado divídese entre o nivel de motivación persoal e a necesidade de facer algo. 

Con todo, isto non respondía máis que a unha campaña de márketing que se foi facendo máis e máis grande grazas ás redes sociais e os medios de comunicación. O humorista e neurocientífico Dean Burnett resumiu á perfección este día: "É acientífico. Pseudocientífico. Uberpseudocientífico. É un galimatías, un absurdo, un lixo, unha porcallada e calquera outra forma educada de dicir ‘idiotez’ que se che ocorra”. O termo 'blue monday' é anterior a 2005, desde os anos 80 investigouse o efecto que os luns teñen no humor con diversos resultados). E aquí empezan as malas noticias para os que queren ver algo nese día pois a día de hoxe parece claro que existe o efecto 'Grazas a deus é Venres' pero non está nada claro que exista o efecto 'Maldito Luns': os venres son máis felices pero os luns non son máis tristes.

A data no calendario serviu para que as redes sociais se enchan periodicamente de mensaxes de ánimo e bos propósitos para contrarrestar o que se supón que é o día máis triste do ano. Pero tamén hai empresas que tentan aproveitar o tirón deste día para ofrecer algún produto co que axudar a levantar o ánimo. O mercado sempre ten o olfacto a punto para facer negocio, tamén en base á pseudociencia. De feito, en 2016 o propio piscólogo que apadriñara a fórmula do 'Blue Monday' fixo parte da campaña #StopBlueMonday que impulsara o Goberno das Illas Canarias na que di "non deixes que esta fórmula che dea permiso para rir ou chorar…Estas 24 horas perténcente".

Pero, anécdotas á parte, non se debería dar cancha ningunha a 'Blue Monday' e cousas similares. Non ten ningunha base científica e é un insulto contra o sentido común. Non hai nada como xerar malestar ou a expectativa de malestar para desencadear unha necesidade, e disto ten un gran coñecemento a industria publicitaria.  Ningunha fórmula matemática pode decidir que día do ano é o máis triste, xa que iso só depende dunha valoración persoal. Pero, por exemplo, si que debriamos de falar de “costa de xaneiro”, que si que é máis identificable:  é o espertar tras as festas e vacacións do Nadal e cando se acumulan gastos importantes para as economías familiares.