Análise

O dereito ao aborto

A prohibición non evita os abortos, senón que aumenta a súa inseguridade e dificulta o acceso dos colectivos máis vulnerables. (Ilustración: Álex Rozados)
Luca Chao, politóloga experta en migracións internacionais, prosegue o ciclo de análises de 'Nós Diario'.

Un dos erros habituais ao falar de dereitos e dalos por sentado. A súa concepción ahistórica, como se derivasen dunha fonte natural, opaca as loitas que diversos colectivos en diversos momentos levaron a cabo para conquistalos.

A reivindicación do dereito á interrupción voluntaria do embarazo ten sido unha loita chave no movemento feminista dende os anos sesenta. Porén, o seu recoñecemento variou tanto nas limitacións impostas como no momento en que se produciu. Coa excepción da pioneira Unión Soviética que legalizaría o aborto no primeiro trimestre de 1920, habería que esperar ata os anos 70 para que a meirande parte dos países industrializados deran este paso.

No caso dos Estados Unidos hai que facer referencia á coñecida sentencia Roe v. Wade de 1973, pola que o máximo órgano xudicial estadounidense declarara inconstitucional calquera restrición ao acceso das mulleres ao aborto en condicións axeitadas e de forma legal.

Porén, estes días coñecemos, por mor dunha filtración, a intención dese mesmo órgano, o Tribunal Supremo dos Estados Unidos, de inhibirse no referido á prohibición do aborto. É dicir, que non se trata tanto da prohibición do mesmo, como nalgúns lugares se pode ler, senón de revisar aquela sentencia histórica (que hoxe cualifican de equivocada) e recoñecer a autoridade dos distintos Estados nesta materia, sen inxerencias. Isto é, abrir a porta a que os estados máis conservadores lexislen neste sentido.

O aborto sen garantías é a terceira causa de mortalidade materna e provoca cinco millóns de discapacidades evitables ao ano no mundo

De ser así estímase que nuns 13 Estados o aborto pasaría a ser ilegal e noutros 12 aprobaríanse importantes limitacións ao mesmo. Cifras que evidencian como se pode ensanchar aínda máis a fenda existente entre uns Estados Unidos azuis-liberais, e outros, vermellos-conservadores, alén de acelerar o turismo sanitario para quen poida pagalo.

Sobre a mesa, cando menos, tres aspectos relevantes que non só teñen incidencia no outro lado do Atlántico:

—    A politización da xudicatura, tan coñecida por estes lares, que permite que quen perda o poder nas urnas trate de lexislar vía tribunal.
—    A reacción conservadora-machista, centrada en facer retroceder os dereitos das mulleres e todos os dereitos civís conquistados nas últimas décadas.
—    A tensión entre a descentralización e a garantía de dereitos considerados fundamentais.

No Estado español, non foi ata o ano 1985 cando, tras unha forte mobilización feminista, unha lei permitiu o aborto en tres supostos. Vinte e cinco anos despois promulgouse a lei actualmente vixente, que permite o aborto libre dentro das 14 primeiras semanas de xestación, ademais de ampliar ata as 22 semanas de xestación o prazo de interrupción do embarazo por causas terapéuticas. Unha liberalización que o PP, co ex ministro Gallardón á cabeza, tratou de tombar, colleitando unha enorme contestación feminista e precipitando a súa saída do goberno no 2014.

Esta mesma semana o Consello de Ministros aprobou o anteproxecto dunha nova lei do aborto que, alén de asegurar a cobertura do seu dereito en todo o territorio, vai permitir a súa práctica a partir dos dezaseis anos sen consentimento paterno. A mesma idade que xa rexía no consentimento sanitario. De aprobarse como está, o recurso interposto polo Partido Popular no Tribunal Constitucional, que leva once anos a espera de resolución, quedará sen efecto ao ser derrogada a norma vixente. O que non impedirá, claro está, un novo intento de boicot político-xudicial ao avance dos dereitos das mulleres.

Os datos son claros, a prohibición non evita os abortos, senón que aumenta a súa inseguridade, dificulta o acceso dos colectivos máis vulnerables, e vólveo unha opción unicamente segura para quen ten os recursos suficientes.

Practicamente un 50% do total das mulleres en idade reprodutiva viven en países onde o abordo está fortemente restrinxido

De acordo coa ONU, o aborto sen garantías é a terceira causa de mortalidade materna e provoca cinco millóns de discapacidades evitables ao ano no mundo. Segundo as cifras de Amnistía Internacional, 90 millóns de mulleres en idade reprodutiva non teñen dereito a decidir sobre o seu embarazo.

A elas, súmase o 22% de mulleres en idade reprodutiva que viven en países onde só se permite abortar para salvar a vida da muller e outro 23% en países nos que o aborto só está permitido por motivos sociais e económicos. Isto fai que practicamente un 50% do total das mulleres en idade reprodutiva vivan en países onde o abordo está fortemente restrinxido. Situación que, malia os importantes avances que se están producindo en moitos países de América Latina, parece que vai empeorar.

Tal e como recolle o informe A Punta do Iceberg, do Foro Parlamentario Europeo sobre Dereitos Sexuais e Reprodutivos (EPF), nos últimos anos os movementos contrarios ao feminismo, ao aborto e ao colectivo LGBTI non fixeron máis que aumentar. Así, a súa financiación multiplicouse por catro nunha década, pasando de 22,2 millóns de dólares en 2009 a 96 millóns en 2018, logrando estender as rúas redes pola meirande parte dos parlamentos occidentais.