O DEBATE | Debería ser obrigatorio vacinarse nas vagas de virus contaxiosos ou perigosos?

O auxe dos virus respiratorios reaviva o debate da vacinación obrigatoria. (Foto: María José López / Europa Press).
A vacinación non é obrigatoria mais hai voces que optan porque, en determinados casos, si o sexa. Algo no que existe discrepancia.

Sofía Álvarez, técnica en integración social

O debate sobre a vacinación obrigatoria cobrou auxe,  relevancia e presenza mediática e pública durante a pandemia do coronavirus mais non é un debate exclusivo a esa enfermidade infecciosa causada causada polo virus SARS-CoV-2. O debate existía antes e continúa a existir e é unha cuestión delicada na que sobre a mesa hai argumentos de peso de ambas as partes, os favorables e os contrarios. 

Moitas persoas consideran que obrigar alguén a se vacinar vai contra a súa liberdade individual, ademais de obrigar a fixar toda unha serie de protocolos e procedementos para obrigar a iso, a vacinarse, que non son a mellor vía para lograr o que se pretende.

A postura contraria á vacinación obrigatoria ante panademias ou ondas de virus que poden ser moi perigosos é ata certo punto oportunista. “O debate sobre as vacinas é de sociedades acomodadas que non viron morrer nenos de sarampelo”, manifestou José Antonio Bastos, ex presidente de Médicos Sen Fronteiras en España. É doado defender o dereito a non vacinarse en países cun sistema de saúde que implican una “rede de protección” para aquelas persoas que optan por non vacinarse e que, como consecuencia diso, enferman. Hai médicos, hospitais, enfermeiras, especialistas, centros de saúde que te atenderán. Serás coidado e sandado, a túa decisión de non vacinarte non terá consecuencias.

A vacinación obrigatoria xera debate, ético, de liberdades, mesmo de xurisprudencia; mais non é algo que sexa novo. Algúns países europeos introduciron a vacina obrigatoria no século XIX para frear focos incontrolables de varíola. Desde entón, os programas de inoculación foron levados a cabo con diferentes graos de imposición e especial determinación na infancia. O sistema francés de prevención, por poñer un exemplo, inclúe no seu programa até once vacúas obrigatorias, incluídas as de poliomielite, difteria, tétanos ou rubéola.

A vacinación universal, gratuíta e obrigatoria é parte da convivencia, a mesma en base á que se fixan límites á arbitrariedade doutros comportamentos polo ben común. Como estabelecer obrigar ao uso do casco ao circular en moto, ou do cinto de seguridade, porque en caso de accidente non só poñen en perigo as súas vidas, senón as dos demais. 

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ditaminou, no marco da pandemia de coronavirus, que a vacinación obrigatoria non viola os dereitos humanos e é “necesaria nunha sociedade democrática”. O risco que unha persoa non vacinada supón para os demais é baixo, con todo, cando un número elevado de persoas rexeita vacinarse, isto supón un risco para os vacinados, sobre todo se temos en conta que a vacina, aínda que reduce as probabilidades, non exime os vacinados de ser infectados. Existe unha  chamémoslle "obriga ética" de non participar en actividades colectivamente daniñas. Mais non todo o mundo a comparte.


Xosé R. García, psicólogo e xornalista

Cara a finais do século XVIII un médico rural inglés principiou o que hoxe se coñece com0 “vacina” sen saber que loitaba contra a varíola. Un século máis tarde, un químico francés desenvolveu unha teoría sobre as infeccións. Suxería que a causa de moitas enfermidades eran microbios que se poderían propagar entre as persoas. Isto foi o punto para o inicio do desenvolvemento das vacinas. E ata hoxe, tense avanzado neste campo dunha maneiea prodixiosa e sorprendente.

Cos programas de vacinas dos servizos de saúde pública existentes no Estado español e noutros países do mundo, controláronse moitas enfermidades graves e diminuíronse o número de mortes, sobre todo nos nenos.

Son unha das medidas máis eficaces para mellorar a saúde da sociedade. As vacinas son seguras e protéxennos. Son un dereito de saúde que, non debemos perder isto de vista, en moitas partes do planeta aínda non teñen.

As vacinas no Estado español non son obrigatorias. Tanto para os menores como para os adultos. O Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde encárgase de propor o calendario de vacinación.  Cada comunidade adopta esas recomendacións. A Asociación Española de Pediatría como sociedade científica, propón cada ano o seu calendario de vacinas.

A Lei Xeral de Sanidade refírese á colaboración voluntaria dos pais, nais ou titores como últimos responsables da vacinación dos seus fillos e así previr enfermidades transmisibles na poboación. Non se esixe ter as vacinas para ir ao colexio na etapa de educación obrigatoria entre os 6 e 16 anos. En certos centros privados esíxese ter as vacinas en educación infantil de 0 a 6 anos. Os servizos de saúde das difernetes comunidades realizan un seguimento dos nenos non vacinados para verificar que este é o desexo dos proxenitores.

Non é obrigatorio é case o 100% das familias pon as vacinas aos seus fillos. Os erros de vacinación ocorren máis coas doses de recordo e nos nenos maiores. Os nenos medran sans en grande medida grazas ás vacinas que reciben. 

En 1980, a campaña sistemática de vacinación baixo a dirección da Organización Mundial da Saúde (OMS) conduciu a que se puidese derrotar á varíola. A poliomielite, o tétano e a difteria tamén se reduciron significativamente. Pero non había vacinación obrigatoria xeneralizada.

As taxas de vacinación son altas, importantes, sen necesidade da obrigatoriedade (que implicaría toda unha lexislación e un sistema de control para obrigar a vacinarse). O importante é a concienciación e a información e campañas axeitadas. Obrigar, ademais, pode derivar na coñecida como reactancia psicolóxica, é dicir, un efecto secundario psicolóxico contrario a vacinarse, que non se pode prever. A obrigatoriedade crearía un problema onde non o hai: aquí a inmensa maioría da poboación cumpre coas recomendacións de pór a vacina.