25-N

O DEBATE | A retirada da materia de Igualdade de Xénero no ensino: retroceso ou reformulación?

Alumnado dun instituto. (Imaxe: Jesús Hellín / Europa Press)
A materia, implementada en 2016, desapareceu este curso. Afecta ou non isto ao ensino nas aulas desde unha perspectiva de xénero?

Pola Igualdade

Ana Iglesias, educadora social

Todo o que se faga é pouco. Esa é a idea que deberiamos de ter en conta á hora de afrontar o traballo en cuestión de igualdade de xénero, sexa no ensino, na familia, na sociedade, no traballo ou en calquera outro espazo da nosa vida. O camiño que se avanzou en igualdade de xénero debe de darnos forzas para afrontar o que nos queda por avanzar que non é pouco. Ese avance faise de pasos grandes, pasos medianos e pasos pequenos e todos son necesarios.

Neste sentido, a materia de 'Igualdade   de xénero' que se incorporou como materia autonómica no curso 2016-2017 era un paso adiante. Haberá quen pense que grande, quen pese que mediano ou quen pense que pequeno, pero un paso adiante. Por iso, que agora, este curso, caia do currículum non é boa nova.

De feito, a Xunta de Galicia presentara no seudía por todo o alto esta materia como materia de Libre Configuración Autonómica , dicindo que era "unha ferramenta educativa coa que se busca concienciar aos rapaces e rapazas sobre a importancia da igualdade nas relacións persoais e sociais e, deste xeito, contribuír a evitar condutas de violencia".

A materia, que cursaban alumnos de 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) dos centros que a solicitasen, tiña unha carga horaria dun período lectivo semanal. O seu contido foi elaborado por técnicos docentes da Consellería de Educación en colaboración con especialistas da Secretaría Xeral da Igualdade. A materia estruturábase en catro bloques nos que se trataban os conceptos principais sobre xénero e igualdade, as relacións de convivencia e afectividade, a historia da discriminación das mulleres en todos os ámbitos e a violencia machista como consecuencia da discriminación, entre outros.

Seis anos despois, algún deses temas perdeu actualidade? Algunha desas cuestións que acabamos de citar e se trataba nesta materia non é necesaria tratala? Non hai demanda no alumnado desta materia? A resposta a todas estas cuestións non pode ser máis que non.  Sen caer no alarmismo, pero abondan estudos e análises que nos indican a necesidade perentoria de que a igualdade de xénero continúe presente en todos os ámbitos do ensino e tamén, si como materia propia, e xa non como de libre configuración.

Un dato estarrecedor: 25% das adolescentes entre os 16 e 17 anos sofre violencia de xénero psicolóxica e de control, segundo datos dun recente estudo do Goberno español, A situación da violencia contra as mulleres na adolescencia. Dita dominación exércese con actitudes como revisar o móbil da súa parella (15% dos mozos faio). Entre 2018 e 2022 as menores de idade atendidas por algún tipo de violencia (de xénero, doméstica, sexual, física ou psicolóxica) aumentou 39%. Alarmante é tamén a pouca confianza que as vítimas na xustiza: 78% das adolescentes maltratadas non ten intención de denunciar o seu agresor.

É ou non é necesario manter 'Igualdade de Xénero' no currículum?


Non desaparece

Mercedes Gómez, docente

Non, a igualdade de xénero non desapareceu este curso do ensino. Igualdade de Xénero, como materia, incluíuse en 2016 como unha materia de libre configuración autonómica para o alumnado de ESO e Bacharelato e que prevía a LOMCE. Coa nova lei, LOMLOE, e os novos currículos que implican, a igualdade de xénero pasa a ser transversal e estar presente en todas as materias.

Que a igualdade pase a ser algo que está presente nos currículos debe ser algo do que nos temos que parabenizar todas, é un avance. A escola xoga un papel fundamental, pero non o único, á hora de acabar con nesgos de xénero e previr entre as xeracións máis novas actitudes e comportamentos machistas.

As análises feitas aos libros de texto mostran como son eles, os homes, os grandes protagonistas do coñecemento, da historia, da literatura. En textos e imaxes, durante décadas, foron eles os que acaparaban e centraban as materias de coñecemento. Traballar neste campo para que tamén s e recoñeza o papel das mulleres é traballar pola igualdade.

É significativo que agora se aposte pola referencia ao papel das mulleres ao longo da historia, así como o estudo da contribución das mulleres do mundo académico, das artes, as letras e as ciencias, frecuentemente esquecidas. Pero, ademais, incídese na influencia que tiveron e teñen as mulleres nos principais movementos en defensa dos seus dereitos, así como a situación actual do feminismo, potenciando unha análise crítica da situación secular de desigualdade de xénero e os retos de futuro para conformar sociedades igualitarias. Todo iso poderíase complementar cunha mirada crítica sobre os motivos polos que a participación pública das mulleres foi dificultada, cando non anulada, en amplos períodos da historia.

No desenvolvemento curricular da Educación Primaria e da Educación Secundaria Obrigatoria ábrese a porta a recoller os contidos que promoven unha cultura do coidado e para conseguir a corresponsabilidade. Unha sociedade deberá articularse ao redor dos coidados, a democracia, a sustentabilidade e a corresponsabilidade.

Cando falamos de transversalidade de igualdade no ensino  tamén se fai referencia a evitar os estereotipos de xénero na orientación académica e profesional do alumnado, de forma que motiva á formación do alumnado feminino en estudos tradicionalmente con maior preferencia cara ao alumnado masculino e viceversa.

É preocupante que actitudes e comportamentos machistas pervivan tamén entre o alumnado. De aí a importancia de traballar nas aulas e fóra delas. A última estatística de violencia de xénero e doméstica do Instituto Nacional de Estatística reflicte que é entre os máis novos onde máis aumentan os malos tratos. Os adolescentes son o grupo de idade no que máis se incrementou o número de denunciados: 70%. E entre as adolescentes, onde máis o fixo o número de vítimas: 28,6%. Por iso é importante que todos nos imliquemos.