O DEBATE | Deben cobrar os médicos da pública un complemento por atender tamén na privada?

Persoal sanitario do Servizo Galego de Saúde (Sergas). (Foto: Xunta da Galiza)

O Sergas e CESM Galicia asinaron un acordo para retribuír o persoal médico que exerza no ámbito público e no privado. É unha medida beneficiosa para a atención sanitaria? 

En contra da xeneralización do Complemento de Exclusividade 

Xosé Dios Diz. Médico Especialista de AP de Outes 

A Lei 55/2003, do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, destaca, a “dedicación prioritaria ao servizo público e á transparencia”. Fala da “prioridade e da exclusividade que se reflicte no réxime retributivo coa renuncia ao complemento específico e no réxime de incompatibilidades do persoal médico, no que se establece unha remisión á normativa dos empregados públicos, resultando de aplicación a Lei 53/1984, de Incompatibilidades do Persoal o Servizo das Administracións Públicas”.

Cos recortes do PP nos 14 anos de goberno na Galiza, os obxectivos dos colectivos sanitarios, entre outros, son que non se contrate persoal sanitario sen formación especializada acreditada, que se remate coa precariedade laboral e coa inestabilidade no traballo no sistema sanitario público e que se aplique unha política xusta e incentivadora.

E que sucede na Galiza? Co desmantelamento e a privatización sanitaria do PP, este acaba de conceder aos médicos e ás médicas que traballan na pública e na privada (a maiores do seu salario) 870 euros máis o mes. Cando falamos de “complemento” de exclusividade referímonos a un concepto a maiores do salario dun ou dunha profesional, por dedicarse en exclusiva ao sistema sanitario público. A falacia de “a igual traballo igual salario” cae polo seu propio peso, cando non existe a fidelización, motivo polo que na pública se cobra ese “complemento”.

Moitas persoas apostamos por reintegrar na sanidade pública os servizos privatizados: información, historia clínica, receita electrónica, central de chamadas, ambulancias, loxística, investigación, docencia. Restituír o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo á sanidade pública, acabar co concerto singular de Povisa e adquirilo para a sanidade pública. Auditar onde van os cartos do “céntimo sanitario” e rematar co copago farmacéutico. Todas estas medidas foron postas en marcha polo PP... que agora lle dá o “complemento salarial” a quen compatibiliza pública e privada (coa rebaixa que iso supón para a sanidade pública). É impresentable! E os colexios médicos, que non se representan nin a si mesmos, cunha participación dunha porcentaxe ínfima de colexiados... e un grupo de médicos con moito poder e afinidade ideolóxica co PP, conseguen uns cartos que a todas luces non merecen e que non se destina a reforzar os equipos de Atención Primaria con novos profesionais que é de verdade o que fai falta!

Os sindicatos corporativos falan de que “se lles retira o suplemento específico de exclusividade”, mentira. O certo é que o que se fai é dar eses cartos pola fidelización ao sistema público: non se lles retira nada aos do dobre traballo, cobran o salario que deben cobrar. O conselleiro de Sanidade afirmou que o “seu departamento traballaba en fórmulas para flexibilizar a Lei de compatibilidades para exercer no Sergas e tamén no ámbito privado”. Comesaña non pode flexibilizar una lei ao seu gusto. As leis cúmprense na súa literalidade. Ademais, algo importantísimo: a lei (e non a Xunta) di que “está prohibido atender na privada pacientes da súa area sanitaria”, e como todos sabemos, non se cumpre nin á Consellaría lle interesa investigalo. A lei di que “o persoal licenciado sanitario pode exercer o seu posto no servizo público de saúde e simultaneamente na medicina privada, sempre que renuncie ao complemento específico e cumprindo o réxime de incompatibilidades”. O seu incumprimento está tipificado como falta grave ou moi grave, coa conseguinte sanción disciplinaria que en cada caso correspondería impoñer ao facultativo que non cumpra.

A Xustiza estriba en manter un complemento por fidelización... e cumprir a lei. Se queren aumentar o salario de profesionais que traballan na pública e na privada, poden facelo, incumprindo a lei... pero que non lle chamen complemento de exclusividade.


CESM defende o principio de 'a igual traballo igual salario' sen oporse á lei de incompatibilidade

Enrique Marra-López Moreno. Secretario xeral de CESM Galicia

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) en Galicia sempre defendeu o principio de “a igual traballo, igual salario”, por iso entendemos que privar os facultativos que compatibilizan a súa actividade na sanidade pública e na privada é sinxelamente unha inxustiza, sempre que o profesional non incorra nunha situación de incompatibilidade. Por tanto, nós non nos opoñemos á Lei de incompatibilidades, aínda que é certo que corresponde á administración aplicar a normativa vixente.

Calquera prohibición de poder compatibilizar a actividade médica na esfera pública e privada, sempre que sexa viable profesional e xuridicamente, supón un atentado aos dereitos dos traballadores e, por suposto, máis que afianzar o persoal no Sistema Nacional de Saúde, o que provoca é un rexeitamento do profesional cando se lle impide que no seu tempo libre se dedique ao exercicio da súa profesión no ámbito privado.

Durante moito tempo, en Galicia privouse do complemento específico (CE) aos facultativos que compatibilizaban o seu traballo entre a sanidade pública e privada sen xustificación algunha. Esta é unha das nosas reivindicacións históricas, coa que se poñerá fin a unha discriminación sen sentido, xa que a sanidade pública pode beneficiarse se aos profesionais que desexan compatibilizar ambos os ámbitos son retribuídos de maneira equitativa.

A raíz do acordo alcanzado a pasada primavera entre CESM Galicia e o Sergas, como consecuencia do conflito que viviu a sanidade pública, os facultativos que gocen desa compatibilidade que a Administración concede percibirán boa parte do CE que sistematicamente se lles negou e esa nova situación contribuirá á estabilización dos postos na sanidade pública

Lonxe de supoñer a fuga dese capital humano, do que o noso sistema está tan necesitado, un acordo deste tipo terminará atraendo a médicos que optasen exclusivamente pola actividade privada e, de ningunha maneira restaría efectivos á sanidade pública, debido a que para cobrar este concepto é imprescindible que presten os seus servizos profesionais na esfera pública.

Así, a compatibilidade pode xerar beneficios significativos para ambas as partes. Por unha banda, os facultativos poderían complementar os seus ingresos e ter unha maior estabilidade laboral ao ter máis opcións para exercer. Doutra banda, a sanidade pública podería aproveitar a experiencia e coñecementos adquiridos por estes profesionais no sector privado, o que podería mellorar a calidade e eficiencia dos servizos de atención médica.

Ademais, garantir a igualdade salarial entre aqueles que teñen dedicación exclusiva na sanidade pública e aqueles que compatibilizan ambos os ámbitos será un factor motivador para os profesionais da saúde. Isto podería axudar a reter talento e evitar a fuga de profesionais cara a outros lugares onde se lles ofrezan mellores condicións económicas.
De feito, Galicia é unha das últimas comunidades (só restan Asturias e Navarra) de España que retribuirá os facultativos que compaxinan a súa actividade profesional na esfera pública e privada, e farao a partir de xaneiro de 2024. Este agravio comparativo si produciu a fuga dalgúns profesionais sanitarios a outras rexións españolas, onde esa compatibilidade non era penalizada.

CESM Galicia está convencida de que con este recoñecemento retributivo acabarase coa discriminación que centos de facultativos sofren actualmente no Servizo Galego de Saúde, logrará estabilizar moitos profesionais e atraerá outros novos ao Sistema Público de Saúde da nosa comunidade autónoma. En definitiva, acabarase cun agravio de moitos anos e, por fin, farase xustiza.