O curso de caza para nen@s que se organiza en Fornelos chega ao Parlamento europeo

Un eurodeputado dos Verdes pregunta na Comisión polo financiamento de actividades en que se promoven ''o sangue e morte de animais como forma de ocio''

O curso de caza que a Sociedad Deportiva de Caza y Pesca organizou en Fornelos de Montes --Pontevedra-- "dirixido especialmente a menores de idade" chegou ao Parlamento Europeo. O eurodeputado verde Raül Romeva i Rueda preguntou á Comisión se destinara fondos estruturais a algunha organización dedicada á caza, á súa promoción ou impulso, alén de preocuparse pola opinión que lle merece ao órgano a realización destas actividades dirixidas a persoas menores de idade.

O político alemán acompañou a súa pregunta da denuncia de dos destes cursos: o de Fornelos e outro en España. "Camuflados como actividades na natureza, contemplan conferencias e aulas prácticas no que supón un adoutrinamento nunha actividade para a que non teñen madurez dabondo nin idade legal para participar". A Lei de Caza non permite que se practique esta actividade até os 16 anos. Con todo, cómpre sinalar aquí que esta normativa sufriu unha modificación a comezos do 2012, cando o daquela conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, presentou o Anteproxecto en que se rebaixa aos 14 anos a idade mínima requirida para obter unha licenza co obxectivo de "garantir o relevo xeracional".

O curso de Fornelos realizouse xa en 2011 e a segunda edición será este verán, prestando as súas instalacións un centro social. No cartaz promocional aparece a imaxe dun neno "en plena natureza, amosando unha situación completamente afastada do que supón a caza: sangue e morte de animais como forma de ocio", sinalou Romeva i Rueda.

Respecto da outra iniciativa, unha 'campaña educativa' para promover a caza nos centros escolares organizada en Castilla y León, o eurodeputado alemán contrapuxo o dato de que en 2011 o orzamento dedicado a Educación Ambiental alí "ficou reducido a cero euros", para alén de que a actividade da caza "é reprobábel" e xera un impacto ambiental "evidente" a través da contaminación que causa a munición.