O CSIC non ve no "terrorismo" unha preocupación para @s galeg@s

En troca, a policía española ve "unha organización terrorista con todas as da lei"

 

Reanudada a vista após un receso para xantar, continuaron a prestar testemuño os axentes da policía española implicad@s no seguemento e detención de dous dos procesados (Eduardo Vigo e R. Fialhega 'Teto'). 

Pola banda da defensa, prestou declaración un dos responsábeis do CSIC --Centro Sociolóxico de Investigacións Científicas. O investigador asegurou que as enquisas realizadas por este organismo público non preguntan polo terrorismo en Galiza habida conta que se centran en "temas que entendemos como moi relevantes para a sociedade". 

O responsábel do CSIC afirmou que nos últimos estudos elaborados na Galiza, a sociedade sinala "nunha escala de preocupación" a respeito das principais problemáticas que lle atinxen "o desemprego, outros problemas de índole económica, a corrupción entre os políticos, a educación e a sanidade" mais non "o terrorismo"

Neste senso, inquirido pola avogacía a respeito de se existe ou non no noso país "violencia ou quebrantamento da orde pública", o maxistrado da Sala do Penal rexeitou a pregunta pola considerar --máis unha vez-- "improcedente". O xuíz Guevara considerou que o avogado de Eduardo Vigo e R. Fialhega estaba a converter o interrogatorio nunha "proba pericial". 

No entanto, o responsábel do CSIC afirmou que nos últimos estudos elaborados na Galiza, a sociedade sinala "nunha escala de preocupación" a respeito das principais problemáticas que lle atinxen "o desemprego, outros problemas de índole económica, a corrupción entre os políticos, a educación e a sanidade" mais non "o terrorismo", resposta que o investigador sinalou "dase moi poucas veces". Así, no último barómetro elaborado e publicado polo CSIC en relación con Galiza, o 0% da poboación apuntaba o terrorismo como unha preocupación. 

A última das testemuñas en pasar polo estrado foi o perito da policía española. Na súa declaración afirmou que na Galiza existe unha organización terrorista "con todas as da lei" que viría a se conformar dunha "parte clandestina e outra legal". As aseveracións do perito baséanse no "estudo" da documentación incautada polas forzas policiais en diversos rexistros domiciliarios e outros desenvolvidos en centros sociais. Na súa intervención, o perito sinalou a Assembleia da Mocidade Independentista (AMI) como o cerne do aparello organizativo ao que conectou co extinto EGPGC e con asociacións culturais e deportivas como AMAL.

O perito afirmou que o nome do suposto entramado organizativo --Resistencia Galega-- foi acuñado pola propia policía española após repetirse en diversos escritos requisados xunto coa lenda "denantes mortos que escravos", célebre lema de Daniel R. Castelao, que o perito, dixo, "empregan como propia".