O corpo das mulleres, campo de batalla

Acción contra a visita de Bieito XVI á Galiza. Imaxe: Rede feminista
Nin prazos, nin supostos. A reforma do aborto que redacta o goberno español ao ditado da Igrexa católica racha coa soberanía delas e impón a maternidade

A quen pertence o corpo das mulleres? Ao redor desta cuestión xiraba o dereito ao aborto. Facendo memoria, en 1979 os xuízos de Basauri, con 1.300 mulleres autoinculpadas por teren abortado, quitou a luz pública un debate que até entón ficaba no ámbito privado. En 1985 a interrupción voluntaria do embarazo tórnase legal en tres supostos: violación —denunciada—, perigo de malformación do feto ou risco grave para a saúde da nai.

En 2010 unha norma de prazos permitía abortar libremente durante as 14 primeiras semanas de xestación, e até as 22 se existise "grave risco para a saúde da nai ou graves anomalías no feto". As mulleres podían interromper a xestación a partir dos 16 anos sen o consentimento da nai ou do pai.

Camiñábase, paseniño, cara ao aborto libre, unha utopía en que "deixaran de considerarnos seres infantís para asumiren que ningunha muller aborta por gusto nin após sete ou oito meses de embarazo". Ligando as palabras de Begoña Caamaño, militante da Rede feminista galega, coas recentes palabras do titular español de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, sobre a reforma do aborto, Caamaño di non entender "como poden pensar que non somos as mulleres as primeiras que velamos polos dereitos do non nacido. Falan de protexer a vida, mais só até que parimos!". Dixo Gallardón que a malformación do feto deixará de ser un suposto. A coitelada á autodeterminación das mulleres é tan fonda como hai 30 anos.

"Unha aberración total que degrada completamente as mulleres"
Tal cualificación da idea do goberno español resulta de sumarlle á indignación de Caamaño a de María Xosé Queizán. Escritora e nome imprescindíbel ao falarmos da loita feminista, xa en 1976 se movía contra a penalización do adulterio e polo recoñecemento do divorcio desde as filas da Asamblea de mulleres galegas.

Despois veu a reclamación dunha interrupción do embarazo voluntaria, libre e con cargo ás contas públicas. Comparando aquel cenario, previo a 1985, co que está a preparar "esa Conferencia episcopal que sempre quixemos queimar", Queizán atopa semellanzas: "daquela tamén houbo moitos progres que nos poñían a caldo e despois pedíronnos axuda para iren abortar a Londres ou a Portugal".

De saír adiante a reforma, parir será, literalmente, unha obriga, e a soberanía das mulleres sobre os seus corpos ficará agochada na clandestinidade, ora no estranxeiro ora entre as catro paredes do seu cuarto. "Espero que quede nunha idea", manifesta Encarna Otero. "É unha hipocrisía enorme. Sempre se abortou", e volverán ser as mulleres con menos recursos as que porán en risco a súa vida para interromperen o embarazo.

A nacionalista foi unha das mulleres que se autoinculparon por teren abortado de xeito ilegal en 2008, nunha onda de protestas que percorreu o estado para condenar os procesos xudiciais abertos contra as clínicas que practicaron abortos en Madrid e Barcelona. En 1972, en Franza, comprobou de primeira man como alí xa daquela elas "podían decidir libremente cando querían parir".

Un Goberno misóxino que quere ''nais e enfermeiras''
"Gallardón ten que odiar as mulleres porque nos condena a parir monstros! Non imos abortar porque o neno vaia nacer birollo, falamos de malformacións maiores", remarca Begoña Caamaño. Serían as detectábeis nunha amniocentese, como as que afecten as funcións neurolóxicas ou a síndrome de Down. Devolvelas —devolvernos— ao rol de "nais e enfermeiras", di Caamaño, pendentes do coidado dunha crianza que nunca se vai valer por si propia, suxeitas "a un martirio de vivir cun ser que non é unha persoa, e pensando en que será del cando súa nai morra", subliña Otero.

"Con que dereito deciden a nosa maternidade persoas que levan a castidade por bandeira?", pregúntase. María Xosé Queizán usa o mesmo argumento que Gallardón, o da ética, para explicarlle ao ministro que o que non é ético "é obrigarnos a traer estas criaturas ao mundo". Lembrando a machetada á lei de dependencia e ao dereito á sanidade pública, di Queizán que "está claro" que o goberno español "non contempla" facerse cargo dos coidados, "porque lle sairía moito máis caro que garantir o dereito a abortar".

"Detrás destas intencións só hai un afán de control", conclúe Begoña Caamaño. Ao feminismo non lle valían nin os supostos nin os prazos. Moito menos lle vale unha reforma que torna os corpos das mulleres en campos de batalla.