O conselleiro de Educación usa a páxina oficial para facer propaganda

Comunicados de prensa colgados no portal web atacan a mobilización social que plataformas cidadás e centrais sindicais emprenden contra as súas políticas de ataque ao ensino público. O Valedor do pobo fíxose eco xa en xaneiro dunha queixa de CIG-Ensino nesta liña. Ao solicitar información do departamento de Jesús Vázquez non houbo resposta

Anular o dereito á réplica e facer valer a súa propia como única postura posíbel semellan ser os motivos que moven á consellaría de Educación a dar á súa páxina web un uso "fraudulento e partidario", valéndose dela para dar resposta á protesta social e ás queixas que contra a súa xestión veñen lanzando as centrais sindicais.

O último comunicado colocado con este obxectivo publicouse esta cuarta feira, con motivo do inicio das aulas en infantil e primaria e da multitudinaria mobilización convocada en Compostela pola Plataforma en defensa da montaña, a cuxas reclamacións se uniron a Coordinadora de ANPAS do rural e a Plataforma galega en defensa do ensino público.

Non dubida o departamento que dirixe Jesús Vázquez en arremeter desde a web contra os sindicatos e as plataformas cidadás, cargando sobre as súas costas a culpa de que "estudantes dos concellos de Carballeda de Avia, Cortegada e Castrelo de Miño, na provincia de Ourense; e de Samos, Guntín e O Incio, na de Lugo; non asistiron ao primeiro día de clases, moitos deles por acudiren a manifestacións en Santiago de Compostela, aínda sendo menores de idade".

Di a consellaría que as nais e os pais das crianzas comulgaron con "falsas informacións" difundidas polas centrais sindicais --referidas aos datos do desmantelamento que Vázquez dirixiu até borrar do ensino as cualidades de público e gratuíto, datos que foron denunciados directamente desde as escolas, nomeadamente no rural--, e engade que o que buscan é "promover a politización do ensino e a alarma social entre a comunidade escolar".

Propaganda ao servizo do PP
Mais o uso partidista e ideoloxizador que a Xunta dá a esta páxina web vén de vello. A finais de xaneiro CIG-Ensino presentou unha queixa perante o Valedor do pobo por mor dos "continuos ataques" publicados nun portal que, en principio, debería ser empregado cunha finalidade estritamente informativa ao redor de cuestións educativas.

No escrito, a central nacionalista instou á institución a se dirixir á consellaría e exixir "que se absteña de empregar este medio como ferramenta política de confrontación", publicando informacións e valoracións ao redor das notas de prensa que CIG-Ensino remite aos medios, vulnerando o dereito á réplica.

O 27 de xaneiro o aínda Valedor do pobo, Benigno López, remitiu un escrito ao secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, comunicándolle que, após recibir a súa queixa, reclamou ao departamento de Vázquez "toda a información pertinente en relación coa situación referida". Información que a día de hoxe aínda non chegou á institución.

Con esta actuación a consellaría de Educación fai ouvidos xordos do disposto na propia lei de publicidade e comunicación institucional, onde se estabelece unha diferenza clara entre a información institucional e a relativa á acción de goberno: "Debe ser un principio fundamental da actividade comunicativa de toda administración desligar a opinión política da información veraz e neutral sobre as políticas públicas".

"A comunicación institucional debe estar ao estrito servizo das necesidades e intereses dos cidadáns, facilitar o exercicio dos seus dereitos e promover o cumprimento dos seus deberes, e non perseguir obxectivos contrarios ao servizo do interese xeral e ao uso óptimo dos recursos públicos".