O Concello de Santiago négase a investigar o policía que lle partiu os dedos ao músico Roi Vázquez

Roi Vázquez [Imaxes: Riobó Prada]
O concelleiro de Seguridade Cidadá, Albino Vázquez Aldrey, responde ao BNG sinalando que "non se ten previsto investigar" a policía local e que a denuncia presentada polo compostelán "non consta"


O Concello de Compostela non investigará a agresión policial denunciada polo músico e luthier Roi Vázquez en que un axente lle tería partido varias falanxes. Así llo comunicou ao voceiro do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, o concelleiro de Seguridade cidadá, Albino Vázquez Aldrey, nunha resposta escrita en que asegura que "non se ten previsto investigar a actuación da policía local por ningún motivo". A resposta produciuse con anterioridade á detención e posterior demisión do daquela concelleiro popular. 

A denuncia presentada polo músico, á que Sermos Galiza tivo acceso e na cal pedía que o Goberno municipal colaborase no esclarecemento dos feitos acontecidos após unha concentración de apoio ao preso independentista Hadrián Mosqueira 'Senlheiro', "non consta" para o político conservador, quen recalca que "á vista das dilixencias policiais non existe ningún tipo de irregularidade".

Por contra, Roi Vázquez asegura que pode identificar o axente que lle rompeu varias falanxes nun escrito en que denuncia a agresión sufrida e subliña que, para alén do delito de lesións do cal poderían ser constitutivos os feitos que relata, tamén poderían encaixar tamén noutro de "abuso de autoridade".

Insta a xuíza ou xuíz a que reclame a colaboración do Concello para que identifique @s axentes que patrullaban no lugar e hora en que se tería producido a agresión, así como que achegue fotografías del@s. Na denuncia presentada, Vázquez Cabanas describiu o autor das lesións como "un home de 1,76 ou 1,78 m de altura, complexión delgada, cabelo gris e pómulos afundidos". Foron varias as organizacións políticas que reclamaron unha investigación ao redor da actuación da policía. Porén, o PP, que goberna en Compostela con maioría absoluta, non dixo ren até agora.