O Concello de Ferrol desenténdese do caso dunha nai desafiuzada e ameaza con lle quitar as crianzas

[Imaxe: Susete Ferrol]

Un cuarto nun hostal e 60 euros "para que os estires" é todo o que Servizos Sociais lle facilitou a Ana María, veciña da cidade departamental que vén de ser desafiuzada polo impago de 3 meses de alugueiro. Após as queixas recibidas, accedeu a lle pagar a pensión completa nun hotel até o día 22 de abril


Unha habitación nun hotel que tiveron que pagar @s veciñ@s porque no estabelecemento non se fiaban da palabra do Concello e 60 euros "para que os estires" foi todo canto o departamento de Servizos Sociais de Ferrol lle ofreceu a Ana María, unha nai con dúas crianzas de 14 e 17 anos ao cargo. Tamén lle explicaron que ela poderá ir xantar á cociña económica, mais non as crianzas.

Até terían chegado a a ameazar con lle retirar a custodia, argüíndo que non pode facer fronte aos gastos de manutención. Após as queixas recibidas, accedeu a lle pagar a pensión completa nun hotel até o día 22 de abril. Desde a plataforma Stop-despexos de Ferrolterra denuncian o trato dispensado a Ana María e pensan xa en poñer os feitos en coñecemento da Fiscalía de menores. "Unha nai pasa sen comer antes que os seus fillos. Dicirlle que pode comer ela pero os pequenos non é unha barbaridade", revólvese un activista deste colectivo en conversa con Sermos Galiza.

Despexada por non pagar tres meses de alugueiro

Ana María non puido pagar tres meses do alugueiro e os propietarios do inmoble botárona da casa. Stop-despexos subliña a situación de especial precariedade en que se atopa. "Estamos a facer un balance das vivendas que hai baleiras para termos un parque de pisos en alugueiro social ou en acollemento social, porque familias como a de Ana María non poderían achegar ningún diñeiro", sosteñen. Aínda así, Servizos Sociais dixo ter que estudar a proposta achegada polo colectivo contra os desafiuzamentos, que reclamaban para a muller un aloxamento nun hotel que incluíse tamén a súa manutención, e todo isto pagado polo Concello.

"Cando chegamos con ela ao hotel tivemos que xuntar cartos entre todos e deixar a habitación pagada porque non se fiaban da palabra do Concello", relata o activista co que conversamos, salientando que só no barrio de Recimil hai "por volta de cen pisos baleiros", das vivendas sociais coñecidas como 'casas baratas'. Acrecenta que outras tantas familias as teñen adxudicadas desde hai catro anos e o Concello, no canto de llas entregar ás persoas beneficiarias, tapia con ladrillos a entrada.

Censura en Radio Voz

Cuestións coma esta foron transladadas ao alcalde, José Manuel Rey Varela (PP), durante a gravación dun programa de Radio Voz desde a cidade en que se valoraba a baixada demográfica da comarca de Ferrol. Após a intervención do rexedor, sinalando que para facer atractivo o lugar cumprían servizos públicos, un integrante de Stop-despexos "leulle a cartilla". A emisora do grupo Voz emitiu a reportaxe esta sexta feira "e censurou todas as intervencións da cidadanía" malia telas autorizado previamente como parte do programa.