O Concello da Coruña rexeita a creación dunha comisión municipal para frear os despexos

[Imaxe: Marcos Boedo]
A concellaría de Servizos sociais considera suficientes as bolsas de axuda a emerxencias e non apoiará unha iniciativa como a que xa funciona en Culleredo, onde se mobilizan axudas para pagamentos de aluguer, de modo a evitar o corte de subministros básicos ou alimentación


Após botar abaixo a moción presentada polo grupo do BNG para que @s bombeir@s da Coruña non participasen en despexos nin embargos, o Goberno local rexeitou tamén a posibilidade achegada pol@s nacionalistas a través dunha pregunta oral para a creación dunha comisión municipal de desafiuzamentos en que estivesen incluídos os movementos sociais.

O titular de Servizos sociais, Miguel Lorenzo, considerou suficientes as bolsas de axuda á emerxencia postas en marcha desde o Concello e reprochou ao BNG que non faga propostas para evitar os despexos. A comisión que quería pór en marcha a formación frontista na Coruña está a funcionar xa na Galiza, nomeadamente en Culleredo, e encárgase de mobilizar as axudas ao aluguer ou para frear o corte de subministros básicos como a luz ou a auga perante ameazas de execución hipotecaria, ben como colaborar cos gastos de alimentación das familias afectadas.

Aliás, ocúpase de negociar coas entidades financeiras os casos de persoas que xa prevén que non poderán facer fronte aos pagamentos da hipoteca para evitar que non se chegue a unha situación de despexo. Desta comisión fan parte distintas entidades sociais, técnic@s municipais, asesor@s xurídic@s e voceir@s de todos os grupos municipais, entre eles o PP.

A constitución da comisión fora levada xa ao pleno coruñés através dunha moción elaborada conxuntamente con Stop-desafiuzamentos e Arquitectos sen fronteiras e cun amplo abano de propostas a implementar desde o Concello. O PP, partido que goberna con maioría absoluta, non permitiu que se debatese.

Así as cousas, o reproche lanzado por Lorenzo fíxose extensivo á implicación que @s edís nacionalistas mantiveron respecto do caso de Aurelia Rey, queixándose o concelleiro conservador das novas publicadas na imprensa que daban conta do seu desleixo ao respecto, insistindo no internamento da octoxenaria nunha residencia de persoas idosas como única alternativa posíbel e convidándoa a que, por si propia, procurase unha axuda de emerxencia.