O concello da Coruña gastará 70.000 euros nunha enquisa

O BNG denuncia que é un 'despropósito' retirarlle ao comercio a partida de 120 mil euros para os destinar a festas.

As festas da Coruña precisaban cartos e, segundo o BNG, o comercio pagou parte do seu orzamento. Por este motivo consideran un 'despropósito' que o Goberno local vaia malgastar 70.000 euros en contratar a dedo unha consultora para realizarlles enquisas aos comerciantes e veciños da Agra do Orzán. A idea do alcalde da cidade é preparar unha estratexia que axude ao pequeno e mediano comercio da zona, por este motivo @s nacionalistas non entenden que Negreira suprimira do programa Urbana C as axudas directas e a fondo perdido a comercio, hostelaría e talleres de automoción do barrio "para destinar eses cartos a unha aula virtual de busca de emprego da que nada sabemos".

Un informe do concello asegura que na Agra do Orzán hai "unha sobreoferta do sector hostelería"


Do comercio para as festas
Outra das decisións do alcalde que non benefician ao comercio, e que o BNG evidenciou, foi o desvío de cartos para pagar as festas. "Despois de deixaren sen gastar 189.398 euros en axudas para o comercio e despois de restarlle á partida de comercio 120.000 euros para os destinaren a festas", sinala a concelleira do BNG Ermitas Valencia.

A idea negativa que o concello ten do comercio da zona quedou clara no informe do expediente de reprogramación do Urbana C. Na documentación presentada polo alcalde coruñés na Agra do Orzán "existe unha sobreoferta do sector hostelería" e moita é "de baixa calidade". Asegura que "a ubicación de pequenos locais" en rúas estreitas dificultan a "dinamización económica deste sector" e terán que "mudar de ubicación cara a periferia urbana". Para o BNG “só falta que o Goberno local lles entregue unha carta aos comerciantes animándoos a que pechen as súas portas".