O concelleiro de Servizos Sociais desenténdese do caso de Aurelia Rey e d@s desafiuzad@s

[Imaxe: Marcos Boedo]
Na reunión mantida con Stop-desafiuzamentos ás 8h desta quinta feira informou de que non haberá vivenda para a octoxenaria. Insistiu na opción dunha residencia xeriátrica e recomendou que procurase por si propia axudas de emerxencia social. As mesmas solucións son as que facilitará o Concello para @s veciñ@s ameazadas por unha execución hipotecaria


A plataforma Stop-desafiuzamentos A Coruña cualificou de "decepcionante" a xuntanza que mantiveron esta quinta feira co concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, para coñecer cales son as solucións que o Concello está disposto a por riba da mesa para Aurelia Rey e para o resto de veciñ@s da cidade ameazadas polas execucións hipotecarias.

Segundo informaron en rolda de imprensa posterior á reunión, Lorenzo desentendeuse da octoxenaria, que ten de prazo até o 1 de maio para atopar unha vivenda e abandonar o noveno andar do nº9 da rúa Padre Feijóo, en virtude dun acordo coa familia Pereira, propietaria do inmoble, cuxas condicións non transcenderon á luz pública mais que, segundo puido saber Sermos Galiza, carrexarían unha indemnización de 5.000 euros para a inquilina.

Boas palabras, mais sen solucións

"Dixo que non hai posibilidade de piso, que a única posibilidade é a residencia e que vaia ela ao centro cívico que lle corresponde e pregunte polas axudas que podería recibir". Así as cousas, que as persoas afectadas polos despexos procuren por si propias subvencións de emerxencia social foi a única solución achegada polo concelleiro, a quen Stop-desafiuzamentos lle reprocha as "boas palabras" coas que supliu a falta de propostas.

No encontro, que durou por volta de 45 minutos, Miguel Lorenzo mostrouse "moi preocupado" e "aberto a dialogar". Pediu que a plataforma lles transladase "as nosas ideas e achegas para traballar con elas desde o Concello", ao que a plataforma respostou que "a nosa intención non é facer o traballo de Servizos Sociais". Malia isto, si que colocaron a necesidade de recurrir ás 20 mil vivendas que o colectivo cuantifica como baleiras na cidade herculina, así como a procura de bolsas de alugueiro para familias ameazadas de despexo.

Segundo informan desde a plataforma cidadá, Lorenzo interesouse tamén polo acordo asinado entre Aurelia Rey e a familia Pereira, do que non logrou saber ren. Aliás, manifestou o seu "descontento" pola presenza de concelleir@s do BNG na súa oficina esta segunda feira, cando Stop-desafiuzamentos intentaba reunirse con el e, perante a negativa, ocuparon as dependencias da concellaría, na rúa Fernández Latorre 64-66. Tamén se queixou de que transcendese á imprensa o contacto telefónico que mantivo coa nacionalista María Xosé Bravo en que a informaba de que non podería fixar unha reunión coas e cos activistas ao non levar canda si a axenda.