O comité inter-centros de La Voz desconvoca a manifestación do domingo

A decisión adoptouna a representación das traballadoras e dos traballadores de La Voz de Galicia por maioría, e non por unanimidade, como foron tomadas até o de agora as resolucións conducentes á convocatoria de mobilizacións. A folga do día 10 non foi formalmente desconvocada.

Un moi escueto comunicado pendurado no seu blogue dá conta da decisión do comité inter-centros de desconvocar a manifestación deste domingo na Coruña.

A decisión vén precedida da carta que lle dirixe ao cadro de persoal o dono de La Voz de Galicia, unha misiva da que deu conta Sermos Galiza e na que o proprietario da empresa ataca os traballadores por convocaren mobilizacións en defensa dos seus direitos laborais.

O comunicado do comité inter-centros di literalmente o seguinte:

"Unha representación do comité intercentros, en nome dos seus membros, acordou hoxe, por maioría, desconvocar a manifestación prevista para o domingo, día 7, as 12 da mañá. Por este motivo aprázanse as asambleas previstas tanto as de hoxe como as do luns e martes. A decisión tomouse nunha reunión urxente que tivo lugar esta mañá coa finalidade de abrir unha nova vía de negociación coa empresa".

O que se desconvoca, pois, en primeira instancia é a manifestación do domingo, e non así a folga do día 10.

Sermos Galiza puido saber que o comité inter-centros terá un encontro coa dirección da empresa a vindeira segunda feira.