O comité de Povisa manifestarase contra a precarización laboral ás portas do Parlamento

Traballadoras e traballadores do complexo hospitalario de Vigo amosarán o seu rexeitamento a unhas condicións de traballo precarias e a conseguinte merma da súa capacidade asistencial.

 

O comité de empresa de Povisa convocou para a vindeira terza feira (12 de febreiro) unha mobilización perante o Parlamento coincidindo coa sesión plenaria que se celebrará no Pazo do Hórreo. @s empregad@s denuncian "a precarización" das súas condicións de traballo verbo dos incumprimentos do convenio colectivo por parte da empresa.

Segundo o comité, a vontade da empresa concesionaria que xestiona o complexo é "rachar co convenio para aplicar o provincial" cuxas condicións son máis laxas. Neste senso, as traballadoras e traballadores de Povisa acrecentan que xa están a padecer mudanzas nas súas condicións laborais ao se lles mudaren as quendas. Porén, advirten que a precarización dos seus postos de traballo supón un importante empeoramento da súa capacidade asistencial cuxas consecuencias, denuncian, "afectan directamente aos pacientes".

Perante esta situación, as centrais sindicais que integran o comité de empresa convocan unha concentración fronte o Parlamento --após desenvolver diversas mobilizacións perante o Museo Marco de Vigo-- para exixiren unha solución política ao conflito. Así mesmo, remitiron sendos escritos ás forzas políticas con representación parlamentar dando conta da sua problemática perante a inacción da propia Consellería de Sanidade, cuxa responsábel, Rocío Mosquera, segue a se negar a recibil@s.