Sanidade chama a vacinarse a todas as persoas que aínda non o fixeron: a picada a un só click

Dous mozos nunha terraza en Compostela (Foto: Arxina).
Hai un 8% de persoas sen vacinar, un dato que o Goberno galego cualifica de "bo" malia que aspira a lograr un 100% de inmunidade. Doutra banda, a Xunta adía unha semana o protocolo para a hostalaría. 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou no inicio da súa comparecencia tras a reunión do Comité Clínico, un descenso notábel da transmisión do virus que chama ao optimismo de cara ao próximos días sempre que se respecten as medidas de prevención e se extremen no caso de festas ou encontros sociais.

Aí estivo o foco da aceleración dos contaxios que agora da mostras importantes de mellora até o punto de que a próxima semana, de seguir así, Galiza poida situarse por debaixo dos 100 casos de incidencia por 100.000 habitantes a sete días.

Segundo dixo, hoxe, a respecto de hai un mes, hai 11.000 casos menos e 129 persoas hospitalizadas menos. Porén, a ocupación das UCI segue a ser o dato máis preocupante. A principios de agosto había 43 ingresados e hoxe son 52.

Un só click para se vacinar contra a Covid

Ademais de sinalar os pacientes críticos como un dos indicadores chave para o control da pandemia tamén incidiu na vacinación ante a alta parcentaxe de prazas de autocita aínda dispoñíbeis para seren elixidas por quen aínda non recibiu ningunha picada.

As persoas maiores de 20 anos pendendentes se se inocular só cubriron a metada das 30.000 citas ofertadas para esta sexta feira, prazas que o conselleiro García Comesalla animou a ocupar cun "só click".

Segundo detallou, hai un 8% de persoas sen vacinar, que a Xunta busca alcanzar para rozar 100%. Neste sentido, dixo, están a contactar vía SMS con quen xa superou a enfermidade para administrarlles a vacina canto antes, e tamén con persoas en risco de exclusión e sen fogar, a través do sservizos sociais

Contaxios e presión hospitalaria

O virus segue activo, manifestou. Así, o último balance ofrecido pola Consellaría de Sanidade apunta que últimas 24 horas rexistráronse 329 novos contaxios. Destes, 70 corresponden á área sanitaria da Coruña, 74 á de Lugo, 60 á de Santiago, 42 á de Vigo, 54 á de Ourense, 15 á área sanitaria de Ferrol e nove á de Pontevedra.

Nos hospitais galegos, a presión hospitalaria diminúe coa mirada posta nas unidades de coidados intensivos. Os doentes hospitalizados con Covid baixan até os 208, doscales 52 son críticos, tres menos, e 156 recupéranse en unidades convencionais, 13 menos.

Casos activos

O número de persoas coa infección activa polo coronavirus na Galiza baixa de 8.000 e sitúase en  7.812. Os casos activos descenden en todas as áreas excepto na de Ourense, que experimenta un lixeiro incremento con 20 infeccións activas máis. Santiago continúa sen cambios e todas as demais rexistraron caídas.

Incidencia e positividade

Con estes datos, a incidencia acumulada descende, até un 20% a respecto da semana pasada segundo informou a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo. Baixa a sete e a 14 días con 106 casos e 259 respectivamente.

A taxa de reprodución e a taxa de positividade tamén amosan indicios de mellora. A primeira sitúase na galiza e en todas as áreas sanitarias por debaixo de un mentres que a positividade comeza a achegarse á taxa fixada pola OMS para dar por controlada a pandemia nun territorio.

Caeu dun 9% a semana pasada ao 7,84% desta, cun descenso máis acelerado do que amosaba hai sete días.

A hostalaría terá que esperar

A última reunión do Comité Clínico non serviu para fechar o plan que urxe a hostalaría para seguir funcionando en plena pandemia. Sanidade espera un acordo "á maior brevidade" que permita o consumo nas barras baixo certas condicións.

No que houbo consenso foi nos cambios de nivel que entrarán en vigor esta fin de semana e deixará tres municipios no nivel máximo de restricións, Ordes, Monforte de Lemos e Melide, e 21 no alto.