O comité antisida de Ferrol, en situación límite

Lazos Pro Solidariedade vive unha situación crítica, cun aumento exponencial da demanda e cada vez menos recursos: o concello recortou nun 70% o orzamento para a asociación desenvolver o seu labor. Nunha conferencia de prensa esta mañá, no seu local, presentaron unha campaña apoiada por outros 15 colectivos.

A asociación, fundada no ano 95, traballa en dúas frontes: canto ao VIH, tanto en prevención e detección precoz como no tratamento, e no terreo da exclusión social: “aquí houbo un aumento exponencial da demanda”, conta Carlos Varela, presidente do comité. Como exemplo, neste primeiro semestre do 2012 recibiron a mesma demanda que ao longo de todo o 2011, “todo isto nun escenario de recortes global do 50% con respecto ao ano pasado, e, por parte do concello, de até o 70%”.

Cada vez hai menos recursos, mais a demanda sobe: Ferrol é a segunda urbe galega, despois da área sanitaria da Coruña, en casos de VIH diagnosticados. A exclusión social tamén é cada vez maior, con motivo da crise: “persoas que non eran usuarias deste servizo, agora veñen demandando alimentos e cousas básicas”.

A redución orzamentaria supúxolles ter que prescindiren de dúas persoas na equipa técnica: “isto cambiou a ratio de 12 usuari@s por profesional a 35 por cada un/ha. Se unha persoa vén facerse a proba do VIH, temos que deixar de atender outras 34”. Salienta Varela que este servizo público que realiza a asociación é responsabilidade das administracións: “son quen se terían que ocupar, e se non o fan, cando menos dotar de recursos este servizo, non suprafinanciaren proxectos que teñen unha estrutura ideolóxica que sitúa as persoas na exclusión social crónica”, referíndose a proxectos de tipo asistencial ou caritativo: “Eu, que teño, doulle a quen non ten. Mais a inclusión social é outra cousa: significa darlles oportunidades ás persoas, facelas partícipes, coa democracia real como obxectivo”. 

Lazos Pro Solidariedade leva un ano demandando unha reunión co rexedor ferrolán, mais agora a situación é límite: “non ten volta atrás, esperamos que con esta denuncia de hoxe se dean de conta”. A asociación chega a un punto en que se pon en cuestión a continuidade da súa actividade, e fala de peche a partir de setembro. Queren facer ver, sobre todo, que o seu traballo, alén do beneficio económico, significa tamén o social: unha persoa con VIH diagnosticada e ben tratada supón un aforro de máis de 40.000 euros ao ano; ademais, se estas persoas participan en proxectos, deciden a actividade que queren desenvolver, mesmo dirixen algunhas, estarán a funcionar autonomamente, e estaranse a activar mecanismos de participación cidadá. Agora queda que as administracións tomen conciencia.