O colectivo Burla Negra reaxe desde as ondas de Radio Buguina e reclama ''carga de dignidade''

[Imaxe: Suso Pazos]

Presentan oficialmente a acción artística que desenvolverán en Ferrol este domingo, 2 de xuño: un quilómetro de roupa pendurada da reixa de Navantia, seguindo o exemplo d@s traballador@s do naval que amarraron alí as súas fundas exixindo carga de traballo


"A crise económica é a grande burla negra contra a cidadanía". Co son das buguinas como banda sonora, foi esta a maneira con que o deseñador Pepe Barro encetou a rolda de imprensa do colectivo Radio Buguina, o que fora o movemento Burla Negra, en que presentaron de maneira oficial a acción que desenvolverán este domingo, 2 de Xuño, en Ferrol.

"Veñen empresa por empresa, casa por casa", continuou explicando Barro namentres Xurxo Souto, Manolo Bacallao e María Manuela explicaban esa mesma idea pondo voz a aquela letra do Zeca Afonso que alertaba da chegada dos vampiros: "Vêm em bando com pés de veludo chupar o sangue fresco da manada, Se alguém se engana com seu ar sisudo e lhes franqueia as portas a chegada... eles comen tudo e não deixam nada". 

Foi o escultor Pepe Galán quen deu leitura ao manifesto con que Radio Buguina convoca esta acción, artística e popular, en que chaman a continuar "o exemplo" d@s traballador@s do naval que penduraron as súas fundas na reixa da vella Astano exixindo carga de traballo e carrexar batas, uniformes, camisas, chaquetas, roupa das crianzas ou calquera peza que teña un significado para quen a achegue, "todo o que tivo un eco, unha voz por leve que fose, con tal de que chegue a nos conmover", até cubrir un quilómetro da mesma reixa, reclamando agora "carga de dignidade". O escritor Antón Cortizas repetiu o manifesto, mais leuno do revés. Os acordes de Embarqueime na Coruña para ir cara a Ferrole, de Pucho Boedo, deron por clausurado o acto.