A violación dos dereitos humanos nas cadeas do Estado, a debate

A rolda de charlas sobre maos tratos, torturas e vulneración dos dereitos humanos nas cadeas do Estado español percorrerá A Coruña, Compostela e Lugo na presente semana, dando o salto ao ámbito académico

 

Sen lugar a dúbidas, chama a atención que roldas informativas con temáticas incómodas para o poder, coma é o caso dos abusos sobre as persoas por parte do sistema penitenciario no Estado español, comunmente cun público minoritario e habituais en centros sociais e asociacións culturais máis ‘marxinais’, dean o salto á universidade.

Este é o caso das palestras que baixo o lema “Din que reinsertan pero exterminan” afondarán na problemática dos maos tratos, as torturas e a vulneración de dereitos no sistema penitenciario español. Deste xeito, a iniciativa promovida conxuntamente por voluntarios da Galiza e Asturies, entre os cales non hai unha organización regular, culminará nas charlas que esta mesma cuarta feira, ás 17:30 horas, se realizarán no Centro Social Okupado e Autoxestionado Palavea na Coruña e mañá se repartirá en dúas quendas na capital da Galiza, ás 17:30 horas no salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela e ás 20:30 no Centro Social Okupado compostelán A Casa do Vento. A sexta feira rematará na cidade das murallas a última rolda das charlas anticarcearias no seo do centro social lucense Madia Leva.

O debate arredor do sistema penitenciario contará, en primeira instancia, coa presenza da publicación Punto de Fuga de mans do ex preso F.I.E.S. Baldomero Lara que presentará o último número da revista, dedicado principalmente á tortura en prisión. Tamén participarán do coloquio a nai e o pai de David Blanco, morto en estrañas circunstancias baixo custodia policial na comisaría de Xixón. Porá o punto final ao evento a nai de Noelia Cotelo, presa galega orixinaria de Arteixo que no pasado mes de xaneiro iniciou unha folga de fame na prisión de Brieva, Ávila, en protesta polos abusos físicos e sexuais que denunciou ter sufrido por parte dun funcionario e que, hai pouco, tivo que abandonar ante o risco de caír nun coma hipoglucémico.