O cadro de persoal do Xeral de Vigo péchase contra o desmantelamento da sanidade

[Imaxe: SG]
Manterán o encerro até a quinta feira. Quéixanse da perda de dereitos laborais e salariais que arrincou en 2010 cun recorte no soldo do 5% e que se prolongará en 2013, coa previsión de suprimir un 40% da paga extra de verán. Alertan de que o desmantelamento de servizos asistenciais noutros territorios "é un precedente organizado polo PP e o camiño que vai seguir Feijóo"


Após unha concentración para protestar polos recortes na sanidade pública, traballador@s do complexo hospitalario universitario de Vigo iniciaron esta terza feira un encerro na entrada do hospital xeral que se prolongará até a vindeira quinta, 17 de xaneiro. Segundo explicou o voceiro da CIG Antonio Iglesias, advertiu que outros territorios "están xa a pechar servizos asistenciais" e augurou que na Galiza tamén será ese "o camiño que vai seguir o señor Feijóo".

Así as cousas, o sindicalista recalcou que se trata "dun precedente organizado polo mesmo partido, o PP" e que os peches de centros se fan alegando a pouca actividade que teñen. Porén, insistiu na súa importancia nun país como Galiza, coa poboación dispersa e a falta de servizos que caracteriza o rural. "Por suposto, para quen os pecha estes servizos non son rendíbeis" 

A decisión de convocar un encerro foi "unánime" por parte do cadro de persoal deste centro, diante da perda de poder adquisitivo que @s traballador@s levan denunciando desde 2010 cando se lles recortou un 5%, a posterior conxelación salarial, a taxa de reposición das xubilacións "limitada ao 10% e que só se substitúen as prazas de facultativos", a eliminación da extra de decembro e o recorte dun 40% na extra de verán previsto para 2013. 

Nunha carta enviada á conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, todas as centrais sindicais con representación entre o persoal do Sergas puñan de manifesto o "enfado" que espertou o anteproxecto dos orzamentos da Xunta para 2013, nomeadamente as medidas retributivas. Diante da situación, e queixándose do "escurantismo e a desinformación" coa que foran incluídas tales disposición, exixiron a súa retirada e a convocatoria "urxente" da mesa de Sanidade antes desta cuarta feira 16 de xaneiro, para que a conselleira puidera levar á reunión do Consello da Xunta, realizada todas as quintas, o posicionamento d@s traballador@s.

A mesa foi convocada finalmente para o día 28. Porén, segundo informou Iglesias, esta reunión tería que se producir antes de que os orzamentos chegasen ao Parlamento galego --que xa foron presentados mais non serán aprobados até febreiro--. Con todo, anunciou que "haberá máis mobilizacións". Na mesma liña pronunciouse o voceiro de CC.OO. Ángel Cameselle, o cadro de persoal do Sergas decidiu iniciar as protestas fronte aos recortes "a todos os niveis" e fronte ás listas de agarda "escandalosas" que acumula a área sanitaria de Vigo. Insistiu en que o novo hospital da cidade olívica "chámenlle como queiran será privado" --a Xunta teima en que non haberá privatización--, e lembrou que as obras nesta infraestrutura segue "paralizadas por falta de financiamento".