O BNG exixe á Xunta que non toque o salario da liberdade nin as axudas contra a violencia machista

[Imaxe: BNG]

Defenderá na Cámara unha proposición non de lei para frear a intención da Xunta de recortar esta subvención en case un 25%. Aliás, exixe que se prorrogue dos 18 meses aos dous anos naqueles casos en que sexa necesario para rachar coa dependencia económica 


En marzo de 2006, un Goberno galego en mans do bipartito aprobou unha partida orzamentaria destinada a lles garantir unhas condicións de seguranza económica ás mulleres en situación de violencia machista que rachasen a dependencia que neste sentido mantiñan cos seus agresores. 

É o chamado 'salario da liberdade': 600 euros ao mes durante un periodo máximo de 18 meses. Colectivos que traballan man a man coas maltratadas aseguran que este diñeiro non o reciben "nin o 8% das vítimas", segundo declarou recentemente  Gloria Vázquez, presidenta da organizacións Ve-la Luz. 

Con todo, o día 5 deste mes a Xunta fixo oficial un recorte do 24,5% nesta axuda, amparándose no argumento de que descenderon as solicitudes cando en anos anteriores a secretaría xeral de Igualdade se viu na obriga de ampliar o montante orzamentario xustamente porque eran moitas as mulleres que a solicitaban.

Contra a coitelada que a consellaría de Benestar pretende dar ás axudas que reciben as mulleres maltratadas pronunciáronse esta segunda feira Carme Adán e Francisco Jorquera, voceira de Igualdade e voceiro do grupo parlamentar do BNG. Instan o Goberno galego a "reformular a orde" que regula estas axudas.

Non é a primeira vez que o PP mete man nesta axuda

Entende Adán que reducir a contía do salario da libertade "agrava a situación das mulleres vítimas de malos tratos e con grandes dificultades para accederen a un emprego". Non é a primeira vez que o PPdG vai contra esta prestación. En 2011 endureceu as condicións que debían reunir as mulleres que quixesen acceder a ela. 

Por todo isto, Carme Adán cuestionou o argumento esgrimido pola Xunta ao redor da previsión de que se reduzan as peticións e anunciou que o BNG preguntará no Parlamento polos criterios para xustificar tal afirmación. Os datos facilitados pola formación frontista sinalan, xustamente, cara á dirección contraria: en 2011 foron 300 as mulleres que accederon á axuda e en 2012 até 368. 

A nacionalista defenderá unha proposición non de lei para modificar os criterios porque "reducir os baremos da renda non favorece a emancipación das mulleres nun contexto de crise económica". Reclamou tamén que a axuda se estenda dos 18 até os 24 meses "se a muller maltratada segue a necesitala para romper a relación co seu agresor".

Pola súa banda, o voceiro do grupo parlamentar, Francisco Jorquera, fixo fincapé na importancia desta medida e convidou o resto de forzas políticas con representación na Cámara a apoiar a proposición, situando o terrorismo machista como un problema político "de primeira orde".