O BNG emendará os orzamentos na partida dedicada a desenvolvemento

Após unha reunión da Coordinadora galega de ONGDs con Carme Adán, portavoz de Políticas Sociais do Grupo Parlamentar do BNG, a formación nacionalista comprométese a presentar emendas que rectifiquen a decisión do goberno galego.

 

A Coordinadora galega de ONGDs, unha asociación que agrupa a un total de 48 ONGDs que traballan en desenvolvemento na Galiza, comezou a rolda de reunións cos diferentes partidos políticos con representación parlamentar para denunciar o novo recorte que prevé desenvolver o goberno galego en materia de cooperación. Esta é a primeira medida que adoptou esta entidade após coñecer que a Dirección xeral de Cooperación exterior reducirá un 38 % os fondos previstos para 2013 en materia de cooperación ao desenvolvemento.

Nesta ocasión unha delegación da Coordinadora mantivo un encontro coa portavoz de Políticas Sociais do Grupo Parlamentar do BNG, Carme Adán. “Tamén na cooperación se ve o nesgo recentralizador das políticas do PP”, asegurou a nacionalista e coincidiu coa Coordinadora en que "non é de recibo que dende 2009, coa desculpa da crise, os fondos destinados á cooperación baixen un 65 por cento, sendo o orzamento deste ano, de 2,8 millóns de euros, o máis baixo dende 2001".

Na reunión o BNG comprometeuse a emendar os orzamentos para incrementar a partida dedicada a desenvolvemento. Adán criticou o desmantelamento destas políticas "nun momento no que o traballo solidario se fai más preciso que nunca". A Coordinadora galega de ONGDs continuará a rolda de entrevistas nos vindeiros días co resto de partidos políticos galegos.