O BNG da Coruña apunta a xustificación dunha subvención como escusa para o traslado de inmigrantes ao Ágora

María Xosé Bravo
@s nacionalistas denuncian que o PP impide a atención sanitaria ás persoas inmigrantes en situación de irregularidade administrativa.

O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Goberno local trasladou ao Ágora a Unidade de Atención ás Migracións (UAMI), servizo que o concello prestaba na Sagrada Familia. Advirten @s nacionalistas que o PP fechou este servizo co fin de xustificar parte das subvencións do Urbana C. Así, sinalan que o concello recibe cartos da UE para un plan de integración de inmigrantes na Agra do Orzán que, realmente, non existe. "O único que fixo o PP foi trasladar un servizo xeral, que pensaba fechar por falta de apoio da Xunta de Galiza, e que agora se financia con 217.000 euros do plan Urbana C da Agra do Orzán", sinalan fontes nacionalistas.

Sinalan que o concello recibe cartos da UE para un plan de integración de inmigrantes na Agra do Orzán que, realmente, non existe

O BNG realiza esta denuncia coincidindo coa VII Asemblea Galega de Inmigración e Emigración de Retorno que, organizada polo Foro Galego de Inmigración e pola Asociación Sen Papeis da Coruña, tivo como acto central unha manifestación con saída ás 18h da Escola Municipal de Música até o Obelisco. A concelleira nacionalista María Xosé Bravo, que participou na mobilización, reivindicou apoio e solidariedade co colectivo de inmigrantes e amosou o rexeitamento do BNG á imposibilidade do acceso das persoas inmigrantes en situación de irregularidade administrativa ao sistema sanitario.

Nesta liña, @s nacionalistas consideran a medida adoptada polo Goberno central tremendamente inxusta e advirten que supón fechar na práctica a atención sanitaria a un dos colectivos en maior situación de vulnerabilidade e que conta con menos recursos.