O BNG condena a nova agresión de Israel contra Palestina

A formación nacionalista aproba unha proposta de resolución na que se solidariza co pobo palestiniano, denuncia a pasividade da comunidade internacional e convoca a manifestacións nas cidades galegas esta segunda feira ás 20 horas.

O Consello Nacional celebrado esta fin de semana aprobou por unanimidade unha seguinte proposta de resolución na que "amosa a súa solidariedade do pobo palestino e condena tallantemente a agresión israelí que estes días está a bombardear a faixa de Gaza e asasinando poboación palestiniana". Os ataques destas últimas horas contra a poboación de Gaza deberían ter, segundo o BNG, unha reacción máis contundente da "chamada comunidade internacional". Neste sentido denuncian a súa pasividade "nun momento no que se vai votar na ONU o novo estatuto de Palestina e en xaneiro haberá eleccións en Israel".

"Israel volve empregar o sangue inocente dos palestinos nas súas compañas políticas" sinala a proposta nacionalista. O BNG insta ao goberno de Rajoy a "non permanecer indiferente, a condenar estes ataques do Estado israelí e a defender activamente unha solución política e xusta para ese conflito".

Concentracións en Galiza

Como noutras ocasións, o BNG chama á cidadanía "a manifestarse contra estas agresións e en defensa do que é xusto: o Estado palestino". Por este motivo convocou concentracións en todas as cidades galegas esta mesma segunda feira ás 20 horas.