O Bloque 'okupa' en toda Galiza edificios de responsábeis do saqueo

Imaxes de Lugo, Vigo, Compostela e Foz

Baixo o lema Non é unha crise, é un roubo, @s nacionalistas fecháronse en sedes de Novagalicia Banco, en edificios administrativos da Xunta e en locais de Facenda ou do Instituto galego de consumo. Denuncian "o roubo", sinalan o goberno galego como cómplice e presentan a alternativa: "soberanía"


Unha acción "de denuncia" máis tamén "de solidariedade". Denuncia "do roubo" que as entidades bancarias emprenderon contra a clase traballadora do País con agresións como a estafa das preferentes ou os desafiuzamentos.

Solidarizárense coas persoas que sofren estes abusos e presentar as súas alternativas: unha reforma fiscal integral para que as rendas máis altas paguen máis, a creación dun instituto galego do crédito a partir da reconversión do Igape --Instituto galego de promoción económica-- e a aposta na banca pública galega. En definitiva e tal e como resume Bieito Lobeira, secretario de organización do Bloque, "máis soberanía".

O protesto que aí enriba se describe realizouse esta sexta feira de maneira simultánea nas cidades e vilas da Galiza. Integrantes da formación frontista 'okuparon' edificios vinculados a entidades responsábeis dese "saqueo", mais tamén da Xunta de Galiza, ao entenderen que as políticas que desde este goberno se emprenden "amparan" á banca. Segundo o portavoz nacional da organización frontista, Xavier Vence a acción quer denunciar "o roubo que á cidadanía" lle está a "impor o sistema finanaceiro español" coa súa política de recortes "nos servizo públicos, nos salarios e no crédito ás pequenas empresas". 

Vence denunciou que a "banca española e europea" obrigue @s galeg@s a pagar "o enorme buraco" das súas débedas, algo que tildou como un grande "esquilme, unha grande estafa". 

Así as cousas, baixo o lema Non é unha crise, é un roubo, @s nacionalistas fecháronse no Banco de España na Coruña; nos edificios administrativos da Xunta en Lugo; na sede central de Novagalicia Banco en Ourense; no Instituto galego de consumo en Compostela; na sede do CEIS, antiga Caja Duero, en Vigo; na oficina de Novagalicia Banco en Ferrol, que pechou as súas portas e obrigou @s manifestantes a informar na porta as persoas que até alí se achegan; ou no edificio de Facenda en Foz.