O Ateneo Ferrolán denuncia manobras do PP para ocupar a súa sede

Biblioteca do Ateneo Ferrolán
O goberno municipal de Ferrol quere trasladar ao histórico edificio a outras dúas entidades da cidade e cambiarlle o nome polo de “Centro cultural y cívico Concepción Arenal”. @s actuais xestor@s rexeitaron a proposta e convocaron para mañá unha asemblea de soci@s

Despois de dez anos agardando por unha restauración necesaria, o histórico Ateneo Ferrolán entidade fundada en 1879, e unha vez conseguida e rematada reciben a mala noticia de que o concello non valora o seu traballo. Isto, ou algo peor, pensan desde a institución cultural cando lles queren reducir espazo introducindo dúas novas entidades no seu local e cambiándolles o nome que toda a cidadanía ferrolá identifica como símbolo de cultura na cidade.

As instalacións renovadas reduciron parte do espazo orixinal coa idea de que o edificio servira para as actividades que tiña agora. A organización actual do propio Ateneo, co mantemento en traballador@s e gastos ordinarios ao seu cargo, faría inviábel calquera cohabitación con outras entidades segundo argumentan desde o propio Ateneo.

Manifesto en defensa do Ateneo
A directiva do actual Ateneo Ferrolán pensa que todo é unha manobra do actual goberno municipal para deslixitimar as actividades que se está a realizar na actualidade. Hai uns días fixeron público un manifesto no que denuncian "a operación que está levando a cabo goberno Popular do Concello de Ferrol, de ocupar a actual sede do Ateneo con outras entidades, reducindo o espazo ateneísta" xunto coa pretensión de cambiar o nome do edificio, Ateneo Ferrolán, polo de "Centro cultural y cívico Concepción Arenal".

Hai uns días fixeron público un manifesto no que denuncian "a operación que está levando a cabo goberno Popular do Concello de Ferrol, de ocupar a actual sede do Ateneo"l”. Por este motivo animan a socios e socias a "non permitiren que o Partido Popular, no uso da súa maioría absoluta no Concello de Ferrol, distribúa arbitrariamente os espazos do Ateneo, do mesmo modo que pretenda facer desaparecer o seu nome asociado ao edificio".

Diante dunha situación que califican de "grave" e "urxente" convocaron unha asemblea o martes día 7 de agosto ás 20 horas no Centro Torrente Ballester.


Historia, actividades, publicacións
O Ateneo Ferrolán foi fundado en 1879 co nome de Ateneo Artístico, Científico e Literario de Ferrol. Mantivo a súa actividade con algúns altos e baixos até que pechou por orde da ditadura franquista. Reabriu en 1976 e comezou a realizar unha manchea de actividades que acadaron prestixio non só na cidade senón tamén en toda Galiza. Conta na actualidade con vocalías diversas como as de Vocalías de Música, Cine, Teatro, Ciencias e Humanidades, Artes Plásticas, Medio Ambiente, Muller, Arqueoloxía, Xuventude ou Publicacións. Entre as actividades fixas anuais que organiza están o Certame Teatro Infantil e Xuvenil “ATENEA”, o Certame Fotografico sobre Medio Ambiente, o Concurso Internacional de Gaita Galega ”Constantino Bellón”, as Xornadas da Gaita e as Xornadas de Curtametraxes.
Alén das actividades habituais, cada ano publica a Revista ATENEA, de periodicidade trimestral, un caderno orientado fundamentalmente á recuperación histórica do patrimonio cultural de Ferrolterra e un CD das finais do Concurso de Gaita Galega “Constantino Bellón”