"Imos de voda con Javier e Sonia": os anuncios do "si, quero" dan o salto aos valados publicitarios

Valado publicitario visto na Estrada. (Foto: Nós Diario)
Bonecos feitos con pacas de palla son outro recurso moi empregado nas estradas galegas para informar de casamentos.

Non hai casamento neste país do que non teña coñecemento a vila enteira onde residen as persoas involucradas, pois as súas amizades e familiares adoitan encargarse de informar da voda aos catro ventos.

Nas estradas da Galiza, postes eléctricos e edificios é frecuente achar pancartas que anuncian o "si, quero" das formas máis peculiares, desde o clásico "marchamos de voda" a outras fórmulas que expoñen as intimidades da parella.

O que xa semella ser unha tradición consolidada en boa parte do territorio galego dá agora un paso máis coa adquisición de valados publicitarios para tal fin.

"Imos de voda con Javier e Sonia. Traspásase negocio para pagar voda. Con cariño da vosa familia e amigos". Ese é o lema que pode lerse hoxe nun valado situado no concello da Estrada.

Outro anuncio de casamento visto na Estrada. (Foto: Nós Diario)

A tradicional saba branca pintada con aerosol de cor vermella e negra fica agora relegada fronte a novos e inxeniosos métodos, como o uso de pacas de palla.

Outro anuncio de voda visto por Nós Diario, tamén na Estrada, mostra unha recreación do noivo e a noiva a partir de fardos vestidos coa indumentaria propia dunha cerimonia de casamento. "O de Agrobotica e a de Pavero dan o 'si, quero!'", pode lerse na faixa que acompaña os bonecos.