O alumnado que atinxiu a cualificación de excelente di 'Non á Lomce' en Compostela

Acto de excelencia na USC

Estudantes que tiveron sobresaínte no bacharelato e selectividade levaron camisolas contra a lei de Wert no acto na Universidade compostelá

Alumnado, á que a USC lle recoñece a excelencia e aproveitamento sobresaínte nos estudos de bacharelato e nas probas de acceso á Universidade, levou posta as camisetas da campaña en contra da LOMCE (da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público) ao acto celebrado no auditorio de Galiza de Santiago de Compostela.  

Así o relatan desde as asociacións de pais e nais, como a da Costa da Morte, que aplauden este “ xeito de rexeitar unha lei que liquida a igualdade de oportunidades, ao impor un sistema de continuas barreiras selectivas para que só unha minoría do alumnado acceda á consecución da titulación. Unha lei elitista, antigalega, recentralizadora, clasista e segregadora, xa que estabelece reválidas para poder acceder á titulación correspondente en ESO e en Bacharelato”.