O alcalde de Pontevedra apoia os furanchos


Diante da posibilidade de que a Xunta de Galiza regule o sector, Miguel Anxo Fernández Lores transmitiu a  este colectivo que defenderá a actividade tradicional do país

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores mantivo unha reunión cunha representación dos furancheiros do municipio de Pontevedra, que lle expuxeron a súa inquedanza pola intención da Xunta de Galiza de regular o sector. O alcalde defendeu  a postura dos furancheiros e explicoulles a necesidade de exixir á Xunta que regule o sector atendendo ás súas propias particularidades.

Fernández Lores explicoulles a petición que o Concello de Pontevedra trasladou á Xunta de Galiza de sopesar incluír o municipio de Pontevedra dentro do mapa de furanchos autorizados na comunidade autónoma. Até o de agora Pontevedra non figura en ningún dos dous rascuños elaborados pola Xunta sobre esta actividade.

O nacemento dos furanchos está vinculado aos excedentes das colleitas do viño do país de temporada

Tamén explicou a suxestión do Concello de Pontevedra á Xunta, de que os furanchos sexan considerados como tal: unha actividade tradicional do país, que non pode estar sometida a unha normativa restritiva similar a calquera outro negocio de restauración, porque senón pasarían a ser un bar (por exemplo) e deixarían de ser un furancho. Cabe lembrar que o nacemento dos furanchos está vinculado aos excedentes das colleitas do viño do país de temporada.