TORTURAS

O 90% da mocidade rexeitaría as touradas na Coruña de se realizar un referendo

O BNG suma o seu apoio á achega lanzada pola plataforma Galiza, Mellor sen Touradas de promover unha consulta sobre o financiamento destes 'espectáculos' por parte do Concello

De celebraren na Coruña un referendo sobre a subvención a festexos taurinos, o 89,6% da xuventude de entre 18 e 29 anos votaría polo 'non'. Son os datos que reflicte o inquérito que esta quinta feira difundiu a plataforma Galiza, Mellor sen Touradas a través do seu colectivo xuvenil Mozos pola Abolición, e cos que pretenden mostrar o rexeitamento da poboación máis nova da cidade en relación co financiamento deste tipo de eventos "crueis, violentos e de difícil dixestión moral" por parte do Goberno local. Alén disto, atribúenlle ao alcalde, Carlos Negreira (PP), a cesión de balde das instalacións do Coliseum e a súa adaptación para o 'espectáculo' taurino.

Ás criticas da Plataforma cidadá súmase o BNG por boca do concelleiro nacionalista Xan Caxigal, que reiterou a negativa da formación frontista a financiar as touradas con cartos públicos. "Os touros non representan ningún servizo público e, polo tanto, non poden recibir cartos de todos os coruñeses e coruñesas, máxime cos altos niveis de desemprego e cos recortes que está a acometer o PP en eidos como o ensino, a dependencia ou a sanidade", sinalou, sumando o seu apoio á iniciativa de Galiza, Mellor sen Touradas de convocar un referendo.

Tamén houbo recriminacións para "o disparate" pronunciado pola concelleira de Cultura, Ana Fernández, nas que comparou as corridas de touros con espectáculos de danza e de teatro: "torturar un animal até a súa morte nin é cultura nin é motivo de ningunha actividade festiva", sinalou a este respecto o concelleiro nacionalista.