Así o denuncia a CIG

As traballadoras do Consorcio Galego de Igualdade non poden conciliar

Conferencia de imprensa da CIG Muller

É todo un paradoxo que as traballadoras do Servizo Galego de Igualdade non teñan garantidos os seus dereitos de conciliación. Así o denuncia a CIG, que esta segunda feira fixo un apelo para participar nunha concentración de protesta o vindeiro 1 de outubro. A central nacionalista presentou aos medios un estudo que mostra con clareza como na Galiza a carga da conciliación recae case exclusivamente sobre as mulleres.

No Consorcio Galego de Igualdade e Benestar traballan por volta de 2.000 persoas. 97 por cento das cales son mulleres. Pois ben, teñen enormes dificuldades á hora de conciliar vida laboral e familiar. No canto de ser un exemplo, denuncia a CIG, é "todo o contrario".

 

A situación é tal que —afirmou a representante da CIG Administración, Carme Viso— as traballadoras vense na obriga de iren aos tribunais para demandaren o recoñecimento pleno dos seus dereitos. O problema ten a ver en boa medida coa falta de persoal para realizar substitucións, até o punto de que a doutrina da administación sería a de "até que non haxa cobertura, non pode haber conciliación", di a central nacionalista.

 

Os problemas para conciliar cos que lidan as mulleres do Consorcio de Igualdade son máis a norma que a excepción. Nese sentido apuntan as conclusións dun estudo sobre esta materia coordenado pola responsábel do Gabinete de Economía da CIG, Natividade López Gromaz. Os dados son contundentes: na Galiza, 87 por cento das persoas inactivas (isto é, que están fóra do mercado laboral) por coidado de menores ou persoas dependentes son mulleres; tamén o son 77 por cento das persoas traballadoras con redución de xornada por coidado de menores de 12 anos ou 91,6 por cento das que se acolleron a unha excedencia por coidado das crianzas.

 

Aínda hai máis: son mulleres 71,2 por cento das persoas que reduciron ou suprimiron o traballo remunerado por coidado de dependentes, ben como 56,8 por cento das que empregaron fórmulas de flexibilización da súa relación laboral. O traballo a tempo parcial é masivamente feminino (76,7 por cento) e o mesmo cómpre dicir da dupla xornada. Tan é así que as mulleres dedican 4 horas 38 minutos ao traballo no fogar, en tanto que os homes apenas chegan a 2 horas 21 minutos.

 

Ante unha situación tan extremamente inxusta —da que aínda decorren secuelas tais como a caída da natalidade ou o avellentamento da poboación— que fan os poderes públicos? O mínimo. Para as administracións a conciliación dista de ser unha prioridade "e son as mulleres as que teñen que resolver o problema na esfera privada, na maioría dos casos", critica López Gromaz.

 

Por súa parte, Margarida Corral, secretaria nacional de Muller da CIG, alega que o "actual deseño" das políticas de conciliación teñen a ver "cunha concepción tradicional da división sexual do traballo, segundo a cal o home é o sustentador económico da familia, mentres a muller se responsabiliza dos coidados de crianzas e familiares dependentes".

 

Hai alternativas?

 

Si, segundo a central, cómpre unha orientación radicalmente distinta das políticas públicas en materia de igualdade. Fan falta máis recursos —no Estado español destínase a conciliación 1,3 por cento do PIB, moi por debaixo da media comunitaria—e habería que ir a medidas de repartición do traballo como a redución da xornada a 35 horas semanais ou o alargamento do permiso de maternidade até as 24 semanas.