Pilar Cernuda, Xosé Manuel Piñeiro, Ana Peleteiro, a Roda e as Asociacións de Amigos do Camiño reciben as medallas Castelao

Intervención do presidente da Xunta e candidato do PPdeG Alberto Núñez Feixoo durante a cerimonia das medallas Castelao (Imaxe: Xunta da Galiza).

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, presidiu a imposición das medallas Castelao, e gabou a "solidariedade" galega sen "receos" cara a outros pobo no seu discurso..

Na mañá deste domingo, 28 de xuño, en Compostela, o presidente da Xunta da Galiza e aspirante polo Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, estivo presente na cerimonia de imposición das medallas Castelao. Este ano, foron entregadas aos xornalistas Pilar Cernuda e Xosé Manuel Piñeiro, á deportista Ana Peleteiro, á agrupación musical A Roda e mais ás Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago na véspera do Xacobeo 2021.

"Camiñamos sobre os ombreiros de xigantes", expuxo Feixoo citando ao italiano Umberto Eco e lembrando no seu discurso as figuras de Castelao, Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Celso Emilio Ferreiro.

"En medio dun cúmulo de hipóteses sobre o que vai suceder nos meses vindeiros, brilla a certeza de que os acontecementos atoparán unha Galicia de fortes vencellos humanos, dotada de solidez institucional", asegurou Núñez Feixoo no seu discurso, no que gabou os lazos de "solidariedade" do pobo galego que non implican "receos" cara a outros pobos.

“Houbo unha Galiza que coidou da Galiza con agarimo e profesionalidade ilimitadas”, aseverou Feixoo na xornada posterior a unha manifestación convocada por sindicatos e colectivos da sanidade pública para reclamar "estabilidade laboral", facendo fincapé en que “a totalidade das Administracións formaron un compendio eficaz cuxo único obxectivo foi a salvagarda da saúde".

Unha medalla "sen ningunha cor"

Nas súas intervencións as e os premiados destacaron a "honra" da distinción recibida. A xornalista Pilar Cernuda manifestou que se trata "dun gran premio para quen se sente galego". Mesmo se desde hai anos reside en Madrid, asegurou que "Galiza se leva sempre no corazón". O seu compañeiro de profesión, Xosé Manuel Piñeiro, cualificou o momento como "un dos máis emocionantes" da súa vida e agradeceu os coidados polas profesionais da sanidade no tratamento da súa enfermidade.

Ana Peleteiro fixo fincapé en que o galardón "é de todos os galegos, non ten ningunha cor" e valorou a súa distinción polo "orgullo" que sente da súa terra e que difunde polo mundo. Alfredo Dourado, integrante da Roda, reivindicou que a formación permitiu "dignificar a música de taberna". "A tradición non é historia, é eternidade", engadiu citando a Castelao.

Para concluír, o presidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Luis Gutiérres, salientou que, no momento actual, a responsabilidade persoal de cada camiñante é un "valor de protección".