Núñez Feixoo advirte: "Usade o ocio con prudencia"

Alberto Núñez Feixoo. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza).
O titular do executivo galego defende a entrada da Galiza na nova normalidade mais chama á prudencia xa que o virus segue a circular.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, confirmou que Galiza comezou a revisar todas as medidas adoptadas por mor do coronavirus para realizar unha nova normativa integral de cara aos próximos meses.

Así, avanzou que será un verán con "restricións", debido a que aínda que estamos no "final" da pandemia, aínda hai "virus" e segue "infectando" diariamente. "Este verán vai haber restricións", subliñou.

Neste punto, dirixiuse á xente moza e, especialmente, á rapazada que estes días conclúe as probas de acceso á universidade para lembrarlle que se abre un período de "lecer" que den usar con "con prudencia" para poder "gozar todo o verán". "O risco de contaxio existe", aseverou.

Bares de viños

En concreto, o presidente galego sinalou os "bares de viños nos que é moi difícil" observar as medidas de distancia social de 1,5 metros, que son "sen dúbida un foco de risco moi superior".

O presidente da Xunta remarcou que neste momento, Galiza non conta con "argumentos epidemiolóxicos" para manter as limitacións nas reunións ou a prohibición de encontros entre a 1 e as 6 da madrugada.

Esta evolución favorábel, explicou, referenda a decisión de levantar estas medidas desde este sábado. Porén, pediu prudencia á cidadanía.

Recomendacións, non obrigas

Sobre o cambio de postura do Ministerio de Sanidade que supuxo deixar sen efecto as medidas publicadas o pasado sábado no Boletín Oficial do Estado (BOE) con restricións para a hostalaría Núñez Feixoo declarou que "o acordo de onte era o que perseguiamos cando nos opuxemos".

"A cogobernanza ten que ser real", dixo, un "acordo pacífico e tranquilo", no que se recolle algo "tan elemental" como que as medidas teñen que "ser proporcionais" á situación epidemiolóxica.

Neste sentido, o presidente galego remarcou que este principio de "proporcionalidade" foi o "manual de xestión interna da Galiza" na xestión da pandemia e defendeu que a Xunta seguirá traballando na mesma liña, "co mesmo manual": "comité clínico, valoración, consenso co Goberno, rolda de prensa e Diario Oficial da Galiza".