Nunca Máis recorre perante o Supremo para garantir un eventual recurso ante Estrasburgo

A plataforma presentará recurso de casación contra a sentenza de Prestige ante a máxima instancia. Unha decisión que se adopta para poder chegar o Tribunal Europeo pois a confianza en que o Supremo rectifique o fallo da Audiencia é pouca.

Nunca Máis presentará recurso de casación ante o Tribunal Supremo español contra a sentenza do Prestige, segundo confirmaron a Sermos Galiza fontes da propia plataforma. Unha decisión que Nunca Máis adoptou, máis que pola confianza en que a máxima instancia revise o fallo da Audiencia Provincial, para poder manterse no proceso de apelacións e chegar até o Tribunal Europeo. É nesta instancia onde está a confianza de que bote por terra a sentenza que deixou sen castigo unha das maiores catástrofes ecolóxicas europeas.

A propia Plataforma explicará esta cuarta feira en rolda de prensa os pormenores desta decisión. Segundo puido saber Sermos Galiza, tamén anunciará a realización de manifestacións nas sete cidades galegas o vindeiro 1 de decembro. Data na quetivo lugar en 2012 a xigantesca manifestación de Nunca Máis con ducias de milleiros de persoas a ateigar as rúas de Compostela.