Nunca Máis cre que o Plan de Continxencias anunciado pola Xunta é unha "chapuza electoralista"

Concentración de Nunca Máis na Coruña
A Plataforma Nunca Máis anuncia a presentación dun contencioso polo Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galiza (CAMGAL) despois de valorar que o seu contido responde a "criterios de carácter propagandístico e electoral" e non aos "necesarios criterios técnicos que deben rexer a redacción de plans de tanta transcendencia para o noso país como un Plan de Continxencias".

 

O Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galiza (CAMGAL) aprobado o pasado 27 de setembro polo Consello da Xunta esta a resultar polémico. A Plataforma Nunca Máis vén de denunciar que é un "burdo alarde electoralista e propagandístico, ao servizo do Partido Popular" realizado pola propia Consellaría de Medio Rural e do Mar e que "resulta ambiguo na definición de funcións e na estrutura organizativa, burocratizado, enganoso e afastado da realidade galega".

A valoración pública do CAMGAL deixa en evidencia un Plan que tenta dar resposta ás demandas de protección das nosas costas e que, segundo Nunca Máis, "non contempla ningunha previsión de incremento de recursos, medios técnicos e persoal ademais de desprezar as recomendacións europeas de que unha “autoridade independente” de profesionalidade contrastada estea a fronte do operativo".

Outro erro segundo Nunca Máis é que a Autoridade competente para tomar decisións no caso dunha emerxencia será a Consellaría e non persoal cualificado.

Riscos de sinistro marítimo

Segundo denuncia Nunca Máis, o gran tráfico marítimo que soportan as nosas costas reúne cada ano a uns 40.000 buques, deles uns 14.000 transportan mercadorías perigosas. A estas cifras habería que sumar os 6.000 buques mercantes que visitan anualmente os portos galegos. Se sumamos este tráfico mercantil ao da frota pesqueira e de recreo temos que unhas 25.000 embarcacións circulan polo litoral costeiro. Para a Plataforma estes datos din moito “dos riscos de sinistro marítimo pola interacción entre estas embarcacións e os mercantes que visitan os portos que se atopan no interior das nosas rías”.

Eivas do CAMGAL

O Plan CAMGAL, estudado pola Plataforma estes días, non especifica como se van coordinar as distintas administracións nin dá a coñecer un tempo de resposta disnte dunha catástrofe. Outro erro segundo Nunca Máis é que a Autoridade competente para tomar decisións no caso dunha emerxencia será a Consellaría e non persoal cualificado. En caso de accidente o CAMGAL conta con ter bases nas Rías Baixas e non na zona marítima de máis accidentes: Fisterra e a Coruña. Tampouco teñen en conta estudos oceanográficos como recomenda a Axencia Europea de Seguridade Marítima nin a identificación de posíbeis verquidos procedentes de terra.

O CAMGAL non atende, segundo a Plataforma, "ás recomendacións da Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA), que entende que os coñecidos popularmente como sentinazos deben ser investigados"

"Os medios de protección para a loita contra a contaminación mariña son escasos no CAMGAL", aseguran desde Nunca Máis despois de analizar o Plan, "só permiten a intervención limitada en augas recollidas ou semi-protexidas: 4 unidades de barreiras para instalacións portuarias e 2 unidades de arrastre; e 2 unidades de skimmers (succionadores) para portos, 1 unidade para mar aberto e augas protexidas e 4 unidades a utilizar con pluma en mar aberto". Neste apartado consideran grave que tampouco haxa unha previsión de revisión periódica deste material para repoñer as unidades que sufrisen deterioro co tempo.
Nunca Máis valora de xeito negativo que no CAMGAL non se explique canto persoal vai ser necesario nin como vai a estar formado así como a ausencia de listas de refuxio públicas en caso de accidente marítimo. "O único que existe ao respecto é unha ferramenta informática do Ministerio de Fomento que serve para identificar 1.100 lugares de refuxio en todo o Estado, do cales 70 estarían en Galiza, mais nin existe coñecemento de cales son eses lugares nin estes contarían cos medios operativos necesarios".

Por último o CAMGAL non atende, segundo a Plataforma, "ás recomendacións da Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA), que entende que os coñecidos popularmente como sentinazos deben ser investigados" e considera lamentábel que "o único que existe ao respecto desta cuestión é o contido no Plan Nacional de Salvamento marítimo, no que se consignan protocolos de actuación aéreos, mais o certo é que non existen datos públicos da súa eficiencia".

Contencioso

A Plataforma Nunca Máis anunciou que presentará un contencioso polas "importantes carencias" na redacción deste Plan e insiste en reclamar a transferencia das competencias a Galiza do salvamento marítimo e a loita contra a contaminación mariña. "Non ten sentido que continúen centralizadas en Madrid pola perda de tempo de resposta en caso de emerxencia marítima".