Nunca Máis chama a mobilizarse: “O Blue Star evidencia a indefensión da costa galega”

Manifestación de Nunca Máis en Compostela o 04/05/2003

Convoca unha concentración en Ares esta sexta feira, ás 20:00 horas, na Praza do Concello. Cualifica de “escandalosa” a falla de información, critica as “decisión tardías e contraditorias” e pide a transferencia a Galiza das competencias en seguridade marítima.

Volve Nunca Máis, se algunha vez é que se foi. O amplo movemento nado a raíz do desastre do ‘Prestige’ chama a una concentración esta sexta feira en Ares (20:00 horas, Praza do Concello) con motivo do embarrancamento do ‘Blue Star’. “O accidente do quimiqueiro na costa de Ares puxo máis unha vez en evidencia a situación de indefensión da costa galega, e o auténtico despropósito na actuación do Goberno español, titular das competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra  a contaminación mariña”, indica a plataforma nun comunicado.

Nunca Máis pon o dedo sobre as preguntas que ao longo destes días continúan sen resposta: “descoñécese cal foi a orixe do sinistro, chamada de socorro do buque (de existir), medidas adoptadas antes do embarrancamento”,. A isto engaden as críticas a “decisións tardías e contraditorias tomadas durante a xestión posterior” ao varamento. “Resulta escandalosa a absoluta falta de información en que volve incorrer o Goberno español”, acrecentan.

A Plataforma Nunca Máis chama as entidades do sector pesqueiro e marisqueiro e ao conxunto da sociedade. a participar na mobilización. Unha concentración na que demandan varias cuestións que considera básicas: Información pública, transparente e detallada; diálogo permanente coas entidades do sector pesqueiro e marisqueiro eventualmente afectado; que as decisións relativas á protección do ecosistema mariño e da actividade produtiva pesqueira e marisqueira deben ser públicas (“a xestión do ‘Blue Star’ non pode ser un negocio”).

Pide Nunca Máis tamén a “adopción das medidas precisas para evitar o derrame das 105 toneladas de combustíbel do buque”, así como “garantir a dotación de medios, sistemas e protocolos de control de calquera incidente marítimo que se poida producir na ría de Ares”.

Por último, reclaman a “transferencia á Galiza das competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña”.