Nova advertencia desde a Atención Primaria: "Pinga a pinga iremos caendo un a un"

Persoal sanitario do Servizo Galego de Saúde. (Foto: Xunta da Galiza).
Persoal sanitario da área de Vigo alerta da "situación extrema" que atravesan os centros de saúde e os colectivos profesionais ao cargo da súa xestión administrativa, médica e de enfermaría. De non lle poñer remedio de inmediato, prognostica "a fin da Atención Primaria". "Nunca houbo tanta carga de traballo para tan pouco persoal". 

O sindicato CIG-Saúde alertou da "situación extrema" que se vive na Atención Primaria da área sanitaria de Vigo, con centros de saúde nos que traballa a metade do persoal, sobrecarga na asistencia e "tensión" cos usuarios, que non poden recibir unha atención "de calidade".

Representantes da organización nacionalista incidiron, en rolda de prensa, na "precaria" situación que padecen moitos dos centros de saúde de localidades pequenas como A Guarda, Ponteareas, O Rosal ou Cangas, moitos dos cales ven aumentada a súa poboación no verán sen reforzo dos recursos humanos.

Preocupación polo rural

Segundo explicou Pilar Rodríguez, delegada de persoal da central sindical, hai numerosos ambulatorios que teñen menos da metade de persoal facultativo ou de enfermería, e as esperas para poder fixar unha consulta superan as dúas ou tres semanas. A iso súmase o feito de que os profesionais están a atender varias axendas, urxencias, domicilios, facendo seguimento de casos de Covid e "houbo médicos que chegaron a ter axendas de até 80 pacientes diarios".

Así, insistiu en que a situación é "especialmente preocupante" en zonas rurais onde, ou ben pecharon durante o verán os centros de saúde, ou limitaron a atención, como o caso de Ponteareas, que "só atende pola tarde urxencias", e onde se tiveron que reprogramar "un milleiro de consultas".

Pilar Rodríguez explicou que tamén se produce "saturación" nas áreas administrativas, que deben xestionar o día a día dos centros de saúde e, agora tamén, trámites como a obtención da 'chave 365' ou os certificados Covid.

Tensión coas usuarias

Neste escenario, advertiu de que "hai unha diferenza" entre as "expectativas" que pon a poboación sobre a Atención Primaria e o que os profesionais "poden facer". Isto desemboca en "tensións" e "mesmo agresións verbais" polo enfado das pacientes.

Desde a CIG-Saúde sinalan que os principais problemas son, por unha banda, as dificultades de xestión e de organización dos centros de saúde, e por outro, o déficit de persoal. A ese respecto, sinalou Miguel Tizón, que criticou a falta de planificación do Sergas para un servizo que arrastra problemas "desde hai anos", é necesario ofrecer "estabilidade laboral" aos profesionais para aumentar os persoais e dotar á Atención Primaria de competencias en recursos humanos para levar a cabo o seu  autogestión.

Os representantes do sindicato lamentaron que os problemas de persoal na Atención Primaria se agraven progresivamente, mentres a Administración autonómica se limita a "pedir facer máis con menos", para volver criticar que o PP, desde que chegou á Xunta, freou o Plan Mellora 2007-2011, que prevía poñer solución a ese déficit.

A fin da Atención Primaria

O médico de familia Álvaro Lamas, do centro de saúde da Guarda, tamén puxo o foco nos prexuízos que sofren os profesionais, con cadros de ansiedade e frustración pola "saturación" que sofren. "Nunca houbo tanta carga de traballo para tan pouco persoal", advertiu.

Este facultativo sinalou que "así é imposíbel dar unha atención de calidade" e alertou de que, "se non se intervén e se pon remedio, estaremos "ante o fin da Atención Primaria". "Pinga a pinga iremos caendo un a un, e todos o vemos vir desde hai anos", subliñou, ademais de enviar unha mensaxe aos usuarios da sanidade pública: "Estamos do mesmo lado".